Feijóo desvincúlase de que o PP parase as fragatas de Navantia: “De mísiles non falamos nin entendemos”

Feijóo nun acto en Marín co ex-ministro de Defensa Pedro Morenés Dominio Público Xunta de Galicia

“A Xunta nin sabía iso nin o sabe agora, nós non temos ningunha notificación”. Esa é a resposta que deu este xoves o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, cando se lle preguntou se o Goberno galego sabía que a construción en Navantia Ferrol de varias fragatas para a armada española estivo paralizada dous anos por unha negociación do anterior Goberno central do PP coa empresa MBDA que o ex-ministro de Defensa popular Pedro Morenés presidiu en España ata a súa entrada no Executivo de Rajoy. Ese parón debeuse ao intento de adaptar o deseño das fragatas a mísiles subministrados por esa empresa, cuestión da que Feijóo se desentende: “Nós de mísiles non falamos nin entendemos”.

O presidente di que se houbo algún interese espurio do ex-ministro Morenés a primeira responsabilidade sería do actual Goberno central por non denuncialo

Malia eses dous anos de demora na construción das fragatas, que Feijóo di descoñecer, o presidente volveu deitar no actual Goberno central socialista a responsabilidade de que aínda non comezasen a construírse os barcos. “Imos escoitando algunhas escusas para aínda non ter asinada a orde de inicio da construción”, lamentou Feijóo tras dicir que “a elección de mísiles responde a un debate técnico” e que “iso aos traballadores e a Xunta é unha cuestión que nos excede”.

Feijóo, durante unha visita aos estaleiros de Navantia © Xunta

O presidente insistiu en que as fragatas “debían estar xa autorizadas” e dixo que, fronte ás declaracións públicas do Goberno central nas que ao seu xuízo “todo se cuestiona”, a ministra de Defensa, Margarita Robles, garantiulle persoalmente en privado que a orde de iniciar a construción dos barcos daríase neste último trimestre do ano.

Feijóo di ter o compromiso da ministra de Defensa de que a orde de inicio dos traballos chegará de xeito inminente

Nesa liña de poñer o foco na responsabilidade do Goberno actual e non no parón sufrido durante o anterior executivo popular, Feijóo dixo que “se houbera algún interese espurio cos mísiles, supoño que alguén tería responsabilidades, o primeiro o que non denuncia ese interese espurio e o segundo o que teña ese interese”. Este xoves a ministra Robles constatou no Congreso o parón pero non aclarou se o levará á Fiscalía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.