Feijóo reivindica a “honorabilidade” de Fraga tras declarar Crespo que no PPdeG había diñeiro negro

Feijóo, este xoves na súa comparecencia tras o Consello da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

En xuño o presidente negara que o PP estivese condenado por corrupción e só admitiu "graves erros de control"

Despois de que este martes Pablo Crespo, que foi secretario de Organización do PpdeG de 1995 a 1999, ratificase no Congreso que repartiu “sobresoldos” de diñeiro negro nesa época, cando Manuel Fraga estaba á fronte do partido e da Xunta, este xoves pedíuselle a Feijóo unha valoración desas declaracións. O presidente minimizounas e considerou que non supoñen “ningunha novidade” e lembrou que esas declaracións xa as fixo Crespo “no ámbito xudicial” e agora “se repiten no ámbito parlamentario”.

Feijóo limitouse a engadir sobre a cuestión a súa defensa persoal da figura do seu antecesor: “Reivindico a honorabilidade do presidente Fraga”, dixo. En xuño, nunha intervención no Parlamento tras a sentenza do caso Gürtel, o presidente galego negou que o PP estivese condenado por corrupción e só admitiu "graves erros de control". Na súa declaración desta semana, Crespo dixo que o propio Fraga non recibira sobresoldos pero que a dirección do partido coñecía da súa existencia.

O presidente rexeita responder á acusación de “cinismo” que lle lanzou o líder do PSdeG e felicítao de xeito irónico pola súa “habilidade” para ser xa candidato ás autonómicas

Na mesma rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno deste xoves, a Feijóo preguntóuselle tamén por unhas declaracións feitas este mércores polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nas que dixo que “o nivel de corrupción do PP só é superado polo seu cinismo político”. A resposta irónica de Feijóo foi a de “agradecer o calificativo” e “felicitar” a Caballero pola súa “habilidade” para ser xa de xeito oficial o candidato do PSdeG ás próximas eleccións autonómicas. “Non creo que a mellor forma de liderar a oposición sexa insultando ao resto dos políticos”, dixo o presidente. “Eu non sería capaz de proclamarme candidato ás eleccións de 2024”, engadiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.