A Comisión Europea revisa desde xullo un informe sobre se España cumpre ou non a normativa de seguridade ferroviaria

Vítimas de Angrois e representantes do BNG coa comisaria de Transporte, Violeta Bulc, de negro CC-BY-SA Praza Pública

“Os servizos da Comisión están examinando o informe en profundidade e aínda non poden facer ningún comentario”, é a resposta sobre un documento que para as vítimas de Angrois podería ser revelador de novas eivas

O pasado 20 de xullo a Comisión Europea recibiu un informe que ela mesma encargou á Axencia Ferroviaria Europea o ano pasado sobre o nivel de cumprimento por parte de España das normativas comunitarias de seguridade ferroviaria. Desde ese momento, hai xa catro meses, o seu contido está a ser examinado pola Comisión sen que se saiba, como admitiu este mércores no Congreso un cargo da axencia europea que o elaborou, se vai ser feito público ou cando. Así o reclaman as vítimas do accidente, que consideran que pode ser relevante para a investigación penal do sinistro se revela que aínda existan eivas no cumprimento da normativa que puideran ter relación co descarrilamento do Alvia en Santiago o 24 de xullo de 2013 que deixou 80 mortos.

Nese sinistro o maquinista despistouse e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese activo ningún sistema que evitase o seu previsible erro humano. O xulgado que instrúe o caso investiga se os seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco imputados actualmente ademais do condutor do tren avaliaron correctamente os riscos que xeraban varias decisións que rebaixaron a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago. Avaliación de riscos á que, en contra do mantido por Adif e Renfe, obrigaba a normativa europea de seguridade ferroviaria, segundo ratificou este mércores na comisión de investigación aberta no Congreso o xefe de Seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Christopher Carr.

O informe foi solicitado pola Comisión Europea á Axencia Ferroviaria Europea tras lograr as vítimas de Angrois amparo do Parlamento Europeo

Ademais dos seus varios informes críticos coa actuación de España no accidente de Santiago, a Axencia Ferroviaria Europea elaborou un informe máis xeral sobre o cumprimento por parte do Estado da normativa europea de seguridade ferroviaria. Tanto un como outro foron produto de diversas xestións directas entre as vítimas e diversos órganos comunitarios mantidas coa mediación da eurodeputada do BNG Ana Miranda. Tras o primeiro informe específico sobre como España non investigou de xeito adecuado o accidente de Angrois ao centrar o foco só no maquinista e non noutras eivas de seguridade, as vítimas conseguiron que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo as amparase e reclamase á Comisión Europea que actuase ante España. Así o fixo a comisaria de Transportes, Violeta Bulc, que vén reclamando desde hai dous anos a España, sen éxito, que volva realizar unha investigación técnica correcta do accidente.

Ademais desa reclamación reiterada no tempo, a comisaria decidiu pedirlle o ano pasado á axencia ferroviaria europea un informe sobre o cumprimento xeral por España da normativa sobre seguridade ferroviaria. Debía estar rematado o pasado xaneiro e ante a demora en facerse público as vítimas, que nun novo encontro o pasado xuño coa comisaria insistíronlle na súa importancia, volveron pedir a mediación do Parlamento Europeo. Este dirixiuse á Comisión e a resposta que recibiu o pasado agosto sobre ese informe é a seguinte: “O 20 de xullo de 2018, a Comisión recibiu o informe que encargara á Axencia Ferroviaria da Unión Europea en 2017, no que se analiza o estado de aplicación da seguridade ferroviaria en España. Actualmente os servizos da Comisión están examinando o informe en profundidade e aínda non poden facer ningún comentario sobre as conclusións que poidan extraerse”.

Resposta da Comisión Europea recoñecendo que ten no seu poder desde xullo o informe sobre o cumprimento por España da normativa ferroviaria europea

O cargo da axencia europea que compareceu este mércores no Congreso ratificou que o informe "está atravesando polo proceso de toma de decisións interno da Comisión"

Este mércores, no Congreso, preguntóuselle por ese informe xeral sobre España a Christopher Carr, que era xefe de Seguridade da axencia ferroviaria cando se emitiron os seus sucesivos informes e que agora é conselleiro dese mesmo ente europeo. Carr ratificou que ese documento “está atravesando polo proceso de toma de decisións interno da Comisión así que non podo dicir que é o que vai pasar, non sei tampouco cando se vai facer público, non sei se vai dar pe a unha serie de medidas por parte da Comisión Europea”. O experto comunitario tamén dixo non poder comentar o seu contido por impedimentos legais.

As vítimas do accidente consideran importante coñecer o contido dese documento por se revela que aínda siga a existir algunha eiva de seguridade no sistema ferroviario español que puidese ter influído no seu momento en Angrois. Por iso, tamén veñen reclamando ao actual ministro de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, que divulgue ese informe se a Comisión Europea xa llo trasladou ao Goberno español. Pola súa banda, o BNG solicitou formalmente á Comisión Europea a apertura dun expediente de infracción contra España para cuxo futuro ese informe sería relevante.

Críticas previas da UE a España

A Axencia Ferroviaria Europea xa interveu en varias ocasións de xeito crítico co Goberno na instrución xudicial sobre o accidente que ten imputados a seis técnicos ademais do maquinista

Á espera do que diga o informe sobre o cumprimento actual por parte de España da normativa comunitaria, a UE xa se amosou crítica en varias ocasións previas sobre esa cuestión. De feito, o primeiro informe sobre o caso de Angrois emitido en xullo de 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea constatou unha eiva que a Comisión Europea xa tiña presente e que a levara a abrir un procedemento de infracción contra España: que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento non era independente na súa composición porque os seus membros eran nomeados polo Goberno. Posteriormente o Goberno reformou a CIAF para que os seus membros fosen nomeados polo Congreso e a UE pechou o procedemento de infracción porque considera que iso xa garante a súa independencia.

Aquel primeiro informe da Axencia Ferroviaria de xullo de 2016, que censurou que a CIAF se centrara só en analizar o despiste do maquinista pero non as causas subxacentes como a ausencia doutras medidas de seguridade, fora comunicado previamente ao Goberno español pero a súa divulgación foi bloqueada ata despois das eleccións xerais de xuño dese ano. Vítimas do sinistro consideran que a inminencia dese informe foi clave para que a Audiencia Provincial da Coruña ordenase ao xuíz instrutor reabrir a causa e investigar non só ao maquinista senón tamén aos responsables da falta de seguridade por como avaliaron os riscos existentes en Angrois, cuestión fundamental nas críticas da axencia europea. Tras aquel informe, a Comisión Europea vén reclamando a España, sen éxito aínda máis de dous anos despois, que realice unha nova investigación técnica do sinistro. A CIAF agora independente négase.

Coa investigación reaberta e o foco posto no seu daquela director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte, Adif argumentou que a normativa non esixía realizar unha avaliación do risco existente na curva de Angrois. As vítimas do sinistro tomaron a iniciativa e preguntaron á axencia europea se iso era así. A resposta, entregada polas vítimas no xulgado en abril de 2017, foi clara: “Sobre a cuestión de se se debera realizar unha avaliación do risco para a nova liña, podo confirmar plenamente que a lexislación da UE si o require”.

En xuño un informe da axencia europea desmontou varios dos argumentos que viña empregando Fomento para culpar en exclusiva ao maquinista

Finalmente, tras reiteradas peticións tanto das vítimas como do avogado do maquinista, o xuíz instrutor decidiu consultar el mesmo directamente á axencia europea sobre o cumprimento ou non da normativa comunitaria nas actuacións de Adif e Renfe relacionadas co accidente. Esa resposta chegou ao xulgado o pasado xuño. Nela desmontáronse varios dos argumentos que as empresas públicas viñan culpando en exclusiva ao maquinista do sinistro.

Entre outras cuestións, a axencia, en contra do que mantiñan as empresas públicas, considera que as decisións de desconectar en 2012 a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade (o ERTMS), o que deixou en mans do maquinista toda a responsabilidade de frear, así como a modificación previa do proxecto orixinal da liña en 2010 que reducira o ámbito de actuación dese sistema, deberon contar cunha análise de riscos específica. “En efecto, se trata de cambios que se cualificarían razoablemente como significativos e cun impacto na seguridade, cuxos riscos débense avaliar sistematicamente”, dixo, non só por Adif e Renfe senón tamén por “un organismo de avaliación independente”, algo que non ocorreu. As eivas relatadas en todos eses informes previos da Axencia Ferroviaria Europea foron verbalizadas este mércores no Congreso polo propio Christopher Carr.

Christopher Carr, xefe de Seguridade da Axencia Ferroviaria da UE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.