Feijóo celebra o 25 aniversario do Igape cun recoñecemento expreso ao seu ex-director condenado por corrupción no caso Campeón

Feijóo no acto polo 25 aniversario do Igape Dominio Público Consellería de Economía

O presidente cita no acto de celebración da axencia autonómica o nome de Joaquín Varela de Limia obviando a sentenza do caso Campeón emitida hai un ano contra el despois de que a Xunta evitase acusalo

En 1993 a Xunta puña a funcionar o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), axencia para o desenvolvemento económico da comunidade adscrita á Consellería de Economía e Industria cos obxectivos de facilitar a creación e o crecemento das empresas, impulsar a súa internacionalización e atraer investimentos a Galicia. Este venres o presidente Feijóo celebrou o seu 25 aniversario nun acto no que recoñeceu e agradeceu o traballo do seu persoal e, en particular, o de todos os seus directores, entre os que citou de xeito expreso o nome de “Joaquín Varela de Limia”. Nin na súa intervención nin no resto do acto houbo ningunha referencia ao capítulo máis escuro da historia do Igape, a condena hai xusto un ano por corrupción no caso Campeón de Varela de Limia e do seu subdirector de información especializada, Carlos Silva, despois de que a Xunta decidise acusar a todo o resto da trama menos a eles dous e a un deputado do PP.

Na súa intervención, Feijóo quixo facer un recoñecemento expreso ao “Igape no seu conxunto”, incluídos os seus traballadores e os seus antigos directores, “os que teñen a oportunidade de estar aquí con nós e os que non”, dixo. E a continuación citou os nomes de todos eles, incluído o de “Joaquín Varela de Limia” para engadir máis tarde que “todos os que citamos levan na súa memoria estes 25 anos de historia do Igape”.

O Campeón, o primeiro gran caso de corrupción que afectou aos gobernos de Feijóo, estourou en maio de 2011 coa detención entre outros dos dous directivos do Igape nomeados polo PP dous anos antes

Foi en maio de 2011 cando estourou o primeiro gran caso de corrupción que afectou aos gobernos de Feijóo, o Campeón, coa detención entre outros de Varela de Limia e Silva, nomeados dous anos antes polo PP, xunto co empresario Jorge Dorribo. A sentenza chegou hai agora un ano, o 20 de novembro de 2017, e nela condenouse a 12 persoas cun relato dos feitos que constatou a existencia dunha “trama” en torno a Dorribo para obter préstamos e subvencións públicas por varios millóns de euros de xeito ilegal valéndose das xestións realizadas polos dous cargos do Igape e polo daquela deputado autonómico do PP Pablo Cobián, tamén condenado. A sentenza indica que “dita obtención fraudulenta do préstamo non sería posible sen a intervención decisiva do director do IGAPE Joaquín Varela de Limia e do subdirector de Información Especializada do IGAPE Carlos Silva e de Pablo Cobián”.

Sentenza do caso Campeón coas condenas do ex-deputado Pablo Cobián e os ex-directivos do Igape CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo avalou que a Xunta non acusase no xuízo aos dous cargos do Igape argumentando que só tiveran falta de dilixencia e non responsabilidade penal, pero a xustiza si viu esta última e condenounos

Tras chegar a acordos coa Fiscalía para ver rebaixadas as súas penas, Varela de Limia e Silva foron condenados como autores de delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e se lles impuxo multa de 2.200 euros e un ano de suspensión de emprego ou cargo público. Porén, a esa condena contra os ex-directivos do Igape chegouse coa acusación exclusiva da Fiscalía despois de que a Xunta decidise non actuar nin contra eles nin contra o ex-deputado popular senón só contra o resto de membros da trama.

O presidente Feijóo chegou a defender ese proceder do Goberno galego argumentando que “a Asesoría Xurídica da Xunta é a que fixa os criterios de defensa e representación en xuízo”. “Cando entendemos que alguén atenta contra o diñeiro público, persoámonos”, dixo, para matizar a continuación que no caso Campeón ao seu xuízo “quen atenta contra o diñeiro público son empresarios” e que os cargos públicos viran a súa labor “envolta” na trama sen “intencionalidade”. “Unha cousa é perder a confianza cun funcionario e resolverlle un contrato de traballo e outra cousa é entender ou interpretar que hai responsabilidade penal na súa falta de dilixencia”, engadira Feijóo. Porén, a xustiza si viu responsabilidade penal na actuación dos dous ex-cargos do Igape e os condenou por corrupción. Un ano despois, nada daquel episodio apareceu na celebración dos 25 anos do Igape na que Feijóo agradeceu o traballo, tamén, de Varela de Limia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.