A Xunta recortou un 62% o orzamento de Política Lingüística dende 2009

Valentín García, xunto ao resto do equipo da Consellería de Educación © Ana Varela

"Os orzamentos caen a niveis de 2006". É o xeito en que, dende hai dous anos, o Goberno galego resume as estreiteces nas contas públicas. A caída na recadación por mor da crise económica provocou que a Xunta pasase de manexar uns 11.000 millóns de euros cada ano a facer o propio con algo máis de 9.000 o que, efectivamente, supón un montante semellante ao de hai seis anos. Con todo, esta caída do entorno dun 20% non é a que se aplica nun dos departamentos que en máis ocasións ten estado no centro da controversia ao longo da lexislatura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). O departamento antes dirixido por Anxo Lorenzo e dende xaneiro por Valentín García foi obxecto dun verdadeiro desplome económico, perdendo o 62,4% do seu orzamento desde 2009. 

Atendendo aos datos oficiais do Goberno galego, nas contas de 2009 -as últimas elaboradas polo bipartito de PSdeG e BNG- a SXPL, daquela con dependencia directa do presidente da Xunta, tivo asignados 21,5 millóns de euros. En pleno proceso de elaboración do chamado decreto do plurilingüismo a secretaría, xa integrada na Consellería de Educación, sufría a primeira tesoirada e quedaba nos 15,6 millóns para o ano 2010. No exercicio seguinte, o de 2011, o recorte foi doutro tanto e os fondos rebaixáronse ata os 9,3 millóns de euros.

Á espera de que, tal e como ten anunciado o propio Alberto Núñez Feijóo, os axustes orzamentarios do Goberno central repercutan tamén nas contas galegas, para 2012 a secretaría que ten encomendada a normalización e promoción da lingua propia de Galicia terá que xestionarse con 8,1 millóns de euros. Así, o orzamento da SXPL queda lonxe non só das contas de 2006, senón tamén das do último Goberno presidido por Manuel Fraga. Daquela, malia ter un rango inferior no organigrama da Xunta -tiña categoría de dirección xeral-, o departamento contou con 19,8 millóns.

Recorte semellante nos programas de fomento da lingua

Aínda que a SXPL é a área do Goberno que xestiona a maior parte do orzamento relacionado co idioma cómpre observar outras seccións das contas públicas para coñecer os recursos totais cos que conta a promoción da lingua. Nomeadamente, cómpre atender aos fondos cos que contan os programas de fomento da lingua galega. Neste caso a caída non é tan profunda como na Secretaría Xeral, pero si é dunha relevancia notable, un 55%.

Tomando de novo como referencia o ano 2009, daquela o fomento da lingua galega contaba con 21,7 millóns xestionados pola SXPL, pero tamén pola Dirección Xeral de Administración Local, da Consellería de Presidencia, e pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Un ano despois estes programas experimentaron un recorte de algo máis de 4 millóns, quedando en 17,5. O recorte continuou en 2011, no que o fomento do idioma se tivo que conformar con 11 millóns e, finalmente, en 2012 os fondos dispoñibles serán 9,9. 

Fondos da SXPL e dos programas de fomento da lingua CC-BY-SA Elaboración propia Fonte: Orzamentos Xerais da Xunta
Valentín García, xunto ao resto do equipo da Consellería de Educación © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.