0 Gardados para despois

Acusacións de fraude entre a dirección de En Marea e os críticos tras suspenderse as eleccións internas desta fin de semana

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A unidade da formación volve debilitarse a menos de seis meses das municipais do 26 de maio, nas que en moitas localidades está no aire a presentación de xeito conxunto ou por separado das súas distintas correntes e partidos

Dous anos despois da creación de En Marea pouco antes das eleccións autonómicas de 2016, e a menos de seis meses da cita coas urnas das municipais do 26 de maio, novas acusacións entre as súas diversas faccións volven colocar nunha nova crise á formación, cuxa vida interna veu estando marcada pola convulsión e mais por sucesivas recolocacións de pezas en cada elección interna, todas elas formuladas en clave de identidade e mesmo de existencia da propia En Marea. As primarias para renovar a súa dirección que estaban previstas para toda esta fin de semana foron suspendidas finalmente na mañá deste sábado entre acusacións mutuas de fraude entre a candidatura liderada pola actual dirección de Luís Villares e a dos críticos encabezados polo ex-deputado David Bruzos. Se o segundo conta co respaldo das mareas municipais das principais cidades e das direccións de Podemos e Anova, o primeiro é apoiado por críticos desas dúas formacións.

A última hora deste venres a comisión de garantías de En Marea, que os críticos consideran controlada pola actual dirección, emitiu un comunicado no que anunciaba a suspensión das votacións por diversas irregularidades. Pouco despois o comité electoral, que a dirección considera controlado polos críticos, emitiu outro comunicado no que aseguraba que as votacións seguían en marcha e garantía o seu correcto funcionamento.

Na mañá deste sábado o sistema informático habilitado para as votacións funcionou durante unhas dúas horas ata que foi desconectado por orde da dirección actual da formación co aval da comisión de garantías, que os críticos non recoñecen

Na mañá deste sábado o sistema informático habilitado para as votacións funcionou durante unhas dúas horas ata que foi desconectado, co aval da comisión de garantías, por orde da dirección actual da formación, cuxo membro Gonzalo Rodríguez, representante legal ante a Axencia Española de Protección de Datos, compareceu en rolda de prensa para explicar que fora detectada en días previos unha suposta “intrusión” no censo informático do partido. Desde a candidatura oficialista de Villares, que ameaza con accións xudiciais, atribúese esa intrusión a membros do comité electoral, que á súa vez a candidatura crítica nega controlar. O cabeza de cartel desta, Bruzos, tamén compareceu en rolda de prensa este sábado para pedir que se respecte a decisión de continuar as votacións tomada polo comité electoral, o único que considera lexitimado nesta situación. Porén, a realidade é que o sistema xa non está operativo.

Votación no plenario de En Marea

Esta fin de semana estaban chamadas a votar para elixir a nova dirección de En Marea case 4.500 persoas, unhas 1.500 máis que ao inicio do actual proceso interno

Esta fin de semana estaban chamadas a votar nas primarias de En Marea para elixir a súa nova dirección, o Consello das Mareas, case 4.500 persoas inscritas, unhas 1.500 máis que ao inicio do actual proceso interno, incremento que os oficialistas atribúen a inscricións masivas de críticos, que á súa vez estes consideran o desencadeante da suspensión das votacións por parte da actual dirección ante o medo a que perdese a súa candidatura. As acusacións mutuas de fraude volven debilitar a unidade da formación a menos de seis meses das eleccións municipais do 26 de maio, nas que en moitas localidades está no aire a presentación de xeito conxunto ou por separado das distintas correntes e partidos presentes en En Marea.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.