0 Gardados para despois

O Celta construirá os seus dous primeiros campos de fútbol en Mos antes de ter permiso para o centro comercial anexo

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A sociedade anónima deportiva obtén licenza municipal para iniciar as primeiras obras pero aínda non ten o resto de terreos necesarios para toda a súa cidade deportiva entre dúbidas dos seus propietarios e da Xunta

O Celta botará a andar as obras do seu proxecto de cidade deportiva nun monte do concello de Mos limítrofe con Vigo antes de ter os permisos para a totalidade do complexo que alí quere levantar. A sociedade anónima deportiva aspira a construír nun monte comunal un gran centro comercial que faga rendible a execución ao seu redor dun estadio, sete campos de fútbol regulamentarios, un pavillón, unha piscina e pistas de tenis. Ese proxecto completo depende dunha autorización autonómica que aínda está a tramitar, pero non unha parte del, de xeito que a pasada semana o Concello de Mos deu licenza para comezar a construír os dous primeiros campos de fútbol en terreos dos que xa dispón o club.

Tras a licenza outorgada polo Concello de Mos, a sociedade controlada por Carlos Mouriño emitiu un comunicado no que di que que “o RC Celta dá un paso de xigante cara a un futuro esperanzador e ilusionante” e avanza que “tras completar a tala e limpeza da zona, as obras de construción dos dous primeiros campos de céspede natural e a primeira fase da edificación necesaria para garantir os servizos adecuados comezarán de xeito inmediato”.

O Celta di que o proxecto “destaca sobre todo polo seu máximo respecto co medio ambiente”, pero nese ámbito é precisamente onde aparecen as dúbidas tanto da administración como dos veciños da zona

O comunicado tamén insiste en que o proxecto “destaca sobre todo polo seu máximo respecto co medio ambiente”. Porén, nese ámbito é precisamente onde aparecen as dúbidas tanto da administración como dos veciños da zona. Máis alá dos dous campos de fútbol e as súas instalacións asociadas que agora comezará a construír o club, o proxecto global afecta a un total de 864.000 metros cadrados para cuxa transformación é precisa unha autorización autonómica en cuxa tramitación varios departamentos da Xunta, o Goberno central e o Concello de Vigo sinalaron diversos impactos ambientais e eivas que aínda deben ser xustificados ou mellorados polo club. Ademais, os veciños da contorna, moitos dos cales son propietarios dos montes comunais que serían expropiados para o proxecto se eles mesmos non aceptan a súa cesión, temen que o complexo afecte ás traídas veciñais de augas das que se abastecen.

Presentación do proxecto do Celta hai un ano e obxeccións que poñen varios departamentos da Xunta

O Concello de Mos, gobernado polo PP, e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoian a iniciativa do Celta, e o Concello de Vigo e o PSdeG critícana

Mentres o Concello de Mos, gobernado polo PP, e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoian a iniciativa do Celta, o Concello de Vigo e o PSdeG critícana e lamentan que, ante o rexeitamento que o proxecto está a ter entre os veciños da zona, os populares están a impulsar diversas modificacións legais para facilitar a expropiación e cesión ao Celta dos terreos necesarios.

Localización das imaxes

Anexo fotográfico incluído na documentación do Concello de Mos

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.