0 Gardados para despois

A Fiscalía demanda a Audasa polo cobro "abusivo" de peaxes durante as obras en Rande

Redacción | @prazapublica

A Fiscalía de Pontevedra presentou no Xulgado do Mrecantil da cidade unha demanda colectiva contra Audasa (Autopistas del Atlántico) polo que considera prácticas "abusivas" da concesionaria, que cobrou igualmente as peaxes íntegras malia o deficiente servizo que prestou durante polo menos tres anos por mor das obras de ampliación na contorna da ponte de Rande

O ministerio público presentou unha demanda colectiva de xuízo ordinario contra a empresa en defensa dos usuarios, así como accións de nulidade, restitución de cantidades e indemnización de danos e prexuízos. Lembra que o tráfico na ponte voi "permanentemente afectado", o que provocou prexuízos aos que por alí pasaban, ao perder tempo nos seus desprazamentos ou sufrir colapsos en numerosas ocasións. "Todos os usuarios foron afectados, en canto que recibiron un servizo da autoestrada con insuficientes condicións de fluidez e seguridade", di o fiscal. 

"Todos os usuarios foron afectados, en canto que recibiron un servizo da autoestrada con insuficientes condicións de fluidez e seguridade", di o fiscal

Xa que logo, a Fiscalía entende que a concesionaria estivo cobrando peaxes por uns servizos que eran deficientes. Así, ve "abusiva" a práctica de cobrar a taxa íntegra, que era a mesma que se tería cobrado se o vial estivese en perfectas condicións. O ministerio público reclama que a nulidade dese cobro e que se inste a Audasa a abandonar esa práctica de agora en diante e "en calquera autoestrada que xestione en España", adoptando un criterio de eliminación do prezo da peaxe nos casos nos que a fluidez do tráfico non sexa a normal. 

A Fiscalía reclama que Audasa sexa condenada a reintegrar os importes cobrados entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018

A Fiscalía tamén reclama que Audasa sexa condenada a reintegrar os importes cobrados entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018 ás persoas usuarias que demostren e acrediten que foron afectados. E aclara que a indemnización debería ser polo dobre do importe da peaxe "a todos os usuarios, condutores ou pasaxeiros" que certifiquen que sufriron algúns dos atascos que supuxeron retencións de máis de dez minutos. 

Hai agora case un ano, o 30 de decembro de 2017, coincidindo cos seus días de descanso en Pontevedra polo Nadal, o daquela presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inauguraron a ampliación da ponte de Rande. Oito meses despois, polo mes de agosto, Audasa continuaba aínda con traballos no viaduto que provocaban afeccións puntuais ao tráfico que seguían a incumprir as reiteradas promesas en sentido contrario do Ministerio de Fomento. Foron os atascos reiterados que durante a pasada primavera causaron eses traballos non rematados tras a inauguración os que provocaron que a Fiscalía abrise unha investigación polo “deficiente funcionamento” da autoestrada. As obras nesa zona remataron, definitivamente, hai tan só unhas semanas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.