EU podería pechar o martes a fronte electoral de esquerdas

Faixa de Esquerda Unida © Susete

A Executiva Nacional de Esquerda Unida decidiu este venres, nunha xuntanza que se prolongou até a madrugada, convocar "de urxencia" unha xuntanza do seu Consello Nacional co obxectivo de aprobar a constitución dunha fronte de esquerdas para concorrer ás elección do 21 de outubro. Antes desa cita do martes, EU acelerará os contactos coas distintas formacións políticas interesadas no proceso de converxencia. 

Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, sinalou que aínda que os tempos "son moi axustados" dende EU "faremos todos os esforzos ao noso alcance para acadar a unidade de acción que a cidadanía demanda”. Díaz reclamou “intelixencia, forza e xenerosidade para chegar aos puntos de encontro necesarios que permitan xerar unha alternativa con todas as voces críticas da esquerda onde primen os intereses da cidadanía e non os partidistas”.

Se Anova decide este domingo seguir adiante coa proposta de fronte de esquerdas, habería apenas tres días para pechar un acordo e aprobar un programa de mínimos conxunto que despois deberían aprobar as asembleas comarcais de EU, que se celebrarían o mércores ou o xoves

Na xuntanza da Executiva de EU, na que participaron tamén os coordinadores das distintas comarcas galegas, avaliáronse as conclusións tiradas dos contactos mantidos con estas e outras forzas de esquerda. Segundo a formación, na reunión valourouse unanimemente o proceso de forma "moi positiva". Os estatutos de Esquerda Unida obrigan a que un acordo deste tipo sexa aprobado, primeiro, polo Consello Nacional, e despois polas asembleas comarcais da formacións, que deben pronunciarse non só sobre a coalición, senón sobre o programa político no que o acordo se basea e as condicións en que se realiza o acordo (legais, económicos, de reparto da representación...), ao igual que se fixo recentemente nas eleccións xerais para o pacto de Izquierda Plural entre IU, ICV, Chunta e outras formacións.

O proceso, moi farragoso en por si, vese prexudico pola limitación de prazos. Se Anova decide este domingo seguir adiante coa proposta de fronte de esquerdas, habería apenas tres días para pechar un acordo entre todas as formacións políticas, e para debater e aprobar un programa de mínimos conxunto que despois deberían aprobar as asembleas comarcais de EU, que se celebrarían o mércores ou o xoves.

Esquerda Unida conta para este traballo coa colaboración de expertos vascos e cataláns, con experiencia neste tipo de acordos, coma os que manteñen, por exemplo ICV e EUiA en Catalunya. Os dirixentes da formación defenden a importancia "histórica" de que esta fronte de esquerdas chegue a realizarse, e sinalan, baseándose en enquisas realizadaas, que pode ser "determinante" para que o PP perda a maioría absoluta.

 

"Unha alianza dos de abaixo fronte aos de arriba"

Esquerda Unida fixo hai unhas semanas un chamamento a conformar unha fronte ampla, "unha alianza dos de abaixo fronte aos de arriba" en base a un prgrama mínimo común para a que fixara un calendario de encontros con distintas formacións de esquerda, como FPG, Anova, Ecogaleguistas, Equo ou Esquerda Anticapitalista, aínda que se descoñece polo de agora que formacións se sumarían finalmente. A coalición salienta, con todo, que os obxectivos desta fronte van máis aló dos comicios deste outono, sendo un proxecto "de longo percorrido" na procura "dunha alternativa real que se defenda á cidadanía diante do poder económico". 

A FPG, integrada en Anova, anunciara a súa conformidade cos obxectivos desta coalición e a propia Anova, a través de Xosé Manuel Beiras, puxera como condición que Esquerda Unida asumise a defensa do dereito de autodeterminación, algo que foi respondido favorablemente por Esquerda Unida. De igual xeito, Equo manifestou este venres a súa disposición a formar parte dunha fronte de esquerdas, respondendo neste caso á proposta realizada o xoves por Beiras.

Faixa de Esquerda Unida © Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.