O PSdeG pídelle a Feijóo iniciar a campaña cun debate "sen condicións"

Pachi Vázquez, candidato do PSdeG á Xunta CC-BY-NC-SA PSdeG

Evitar o culebrón de 2009. Esa semella ser a intención do PSdeG no que respecta á celebración de debates electorais en Galicia. Despois de que a resistencia do PP a celebrar un debate a tres bandas -sentando a Alberto Núñez Feijóo na mesma mesa que Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana- crease na campaña previa ás últimas eleccións autonómicas un bucle entre partidos que culminou cunha negativa total dos conservadores a un intercambio público de opinións entre líderes, os socialistas veñen de tentar tomar a dianteira pola vía do adianto e tamén pola da rebaixa de condicións previas. O secretario xeral e candidato do PSdeG á Xunta, Pachi Vázquez, remitiulle este luns unha carta a Feijóo instándoo a comezar a carreira ás urnas cun debate. As condicións previas son, pola súa banda, "ningunha".

"Non temos tempo que perder", di o secretario de organización e responsable da campaña socialista, Pablo García, e por eso nesa misiva non hai "condicións". "Os cidadáns e cidadás teñen dereito a ver os candidatos que se presentan" e tamén a que Feijóo "dea explicacións do que leva feito". Por iso "non imos poñer problemas, nós queremos un debate xa", concretamente, para o 5 de outubro, primeiro día de campaña electoral. O actual presidente debe aceptar esa proposta e despois "sentámonos e discutimos o que queiramos", di.

En 2009 a negativa do PP a celebrar un debate a tres bandas culminou cun veto total dos conservadores aos debates

Estaría disposto o PSdeG, polo tanto, a un esquema de varios debates a dúas bandas? "Queremos debate por riba de todo, a dous, a tres...", responde García, en cuxa opinión ese encontro ante as cámaras ficará demostrado que Feijóo "non pode dicir o que fixo durante estes anos" pero tampouco "o que van facer el Feijóo os vindeiros meses", a partir dos comicios. Porque, ao seu xuízo, "se tivesen claridade o señor Feijóo tería que dicir", por exemplo, "que Rajoy está pensando en recortar as pensións". No mesmo sentido, o propio Vázquez considera, na carta remitida a Feijóo, que o debate que pide fixar para o día 5 sería "unha boa oportunidade para analizar a xestión realizada durante esta lexislatura e contrastar os proxectos que defendemos". "Estou seguro de que a cidadanía galega demanda a celebración deste debate, que sería unha boa mostra de vontade democrática e de respecto polo dereito á información", engade o candidato socialista.

O anuncio da petición de debate chegaba despois da primeira xuntanza do comité electoral do PSdeG que, encabezado polo propio García, comezou a trazar as liñas mestras da campaña. Neste sentido, os socialistas anuncian a súa intención de celebrar múltiples actos de pequena dimensión que leven a Pachi Vázquez por "todas as comarcas de Galicia ata as eleccións": "ímonos mover nós, non imos mover á xente" que "bastante ten" coas consecuencias da crise e dos recortes, explica. Mentres isto acontece "o PP fai facer unha campaña illándose dos problemas, non hai máis que ver o que pasou o outro día en Soutomaior, ou Sotomayor para algúns medios públicos agora -ironiza".

García anuncia a petición de debate CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.