O BNG ve na "mentira" o "eixo da campaña do PP"

Xuntanza da Executiva Nacional do BNG, este luns CC-BY-NC-SA BNG

Hai poucos anos coparía os titulares da prensa e ocuparía unha nada desprezable cantidade de minutos de radio e televisión. Pero a crise e os recortes mudárono todo e o anuncio da nova data para a chegada do AVE a Galicia, anunciada por Mariano Rajoy no acto celebrado polo PP en Soutomaior a pasada fin de semana pasou polo menú informativo preelectoral con máis pena que gloria. O presidente do Goberno central asegurou que o tren rápido a Madrid estaría culminado en 2018 -antes foran 2009, 2012 ou 2015- pero, coa economía a devorar o que se lle pon por diante, a euforia non fixo acto de presenza no lanzamento oficioso da carreira electoral dos conservadores. Ese anuncio si o recolleu este luns o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e fíxoo para exemplificar o que para os nacionalistas é "o eixo da campaña" do PP: "a mentira".

Para Guillerme Vázquez a nova data do AVE carece de "credibilidade", como o Pacto do Obradoiro

Tras unha xuntanza da Executiva Nacional da formación frontista Vázquez ve nas palabras de Rajoy un verdadeiro "insulto á intelixencia", ao tempo que dubida de que a nova data sexa a certa. Neste sentido, o líder do Bloque pregúntase "con que credibilidade" pode o PP ofrecer compromisos en materia ferroviaria cando "segue a demorar" a conclusión do Eixo Atlántico de alta velocidade -o cronograma do Goberno do PSOE situaba a fin das obras en 2013- ou mentres reduce frecuencias na conexión por tren entre A Coruña e Ferrol. Esa credibilidade, di, é "a mesma" que avalaba o Pacto do Obradoiro, o documento asinado polo ex ministro de Fomento, José Blanco, e polo propio Feijóo no que se databa o AVE en 2015.

As "mentiras" relacionadas co AVE, pero tamén outras como as vinculadas ao sector lácteo son as que levan a Guillerme Vázquez a situar a candidatura que encabeza Francisco Jorquera como a alternativa ao Goberno do PP. "Non merecemos ser considerados indíxenas aos que se pode vir con colares de contas de cores", ilustra, nun contexto no que o "dilema" do 21-O é, ao seu xuízo, "apostar por unha formación política que está do lado dos poderosos ou apostar polas alternativas que defende o BNG, a favor das maiorías sociais e dos dereitos de Galiza ao seu autogoberno".

Elaboración das listas electorais

A Executiva Nacional do BNG reuníase na mesma xornada en que as asembleas comarcais da formación comezan a elaborar as súas propostas de candidaturas para as listas electorais ao Parlamento galego. A militancia das comarcas elaborará as súas propostas ata este martes e remitiraas á propia Executiva, que á súa vez as devolverá ás comarcas para seren ratificadas ou emendadas. O último paso para rematar de configurar as candidaturas será a ratificación da proposta definitiva da Executiva no Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, que se reunirá o día 15.

 

Xuntanza da Executiva Nacional do BNG, este luns CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.