CxG desbota pactos electorais con forzas "non centradas no país"

Xoán Bascuas, líder de CxG CC-BY-SA Merixo

O mapa de alianzas políticas cara ás eleccións do 21 de outubro segue a moverse e comeza tamén a clarificarse. Despois de que o Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia (CxG) reiterase a pasada semana o seu ofrecemento para constituír unha coalición electoral con Anova-Irmandade Nacionalista e tras a aposta pública de Xosé Manuel Beiras por constituír unha "fronte ampla" na que se integren forzas políticas como Esquerda Unida, na formación que encabeza Xoán Bascuas comeza a cundir o convencemento de que non existirá unha confluencia entre ambos colectivos nacionalistas para concorrer ás urnas.

Fontes de CxG consultadas por este diario reiteran a política de "portas abertas" cara á forza liderada por Beiras, se ben consideran que a vía da "fronte ampla" só sería viable "noutras circunstancias", entre outros aspectos porque Compromiso non contempla a posibilidade de presentarse ás eleccións con forzas ou partidos que non estean "centrados no país", isto é, aclaran, con organizacións que non teñan os seus "centros de decisión en Galicia". CxG, din, non agardará pola chegada do "permiso" de órganos de dirección foráneos e por iso, din, continúan co seu calendario interno, a comezar pola celebración de eleccións primarias, o vindeiro día nunha convención en Santiago "aberta á cidadanía".

Compromiso celebrará as súas primarias "abertas á cidadanía" o vindeiro día 9 en Santiago

Así as cousas, as diferenzas na interpretación do panorama político xeral e do galego en particular semellan configurar un panorama no que as forzas integradas en Compromiso acudirán en solitario á cita do 21-O, se ben as fontes consultadas matizan que a organización non está "soa", senón máis ben "moi ben acompañada", tanto pola ducia de grupos que xa se integran nela como polos seus militantes e simpatizantes, din, "Ir en solitario non é nada malo", abondan, nun contexto no que se amosan convencidos de que a precampaña e a propia campaña electoral lles servirá para "sumar" apoios.

Neste contexto, e dado que todo semella indicar que CxG non terá que agardar pola participación de Anova nas primarias, a formación ten xa dispoñible na súa web o formulario de inscrición neste proceso. Segundo ten declarado o seu coordinador xeral, Xoán Bascuas, a convocatoria de primarias "vai para adiante porque ese foi o noso compromiso e non só falamos doutras formas de facer política, tamén as aplicamos".

Xuntanza con Anova "sen avances substanciais"

Isto sucede nunha xornada na que as "comisión negociadoras" de Compromiso e A Nova volveron manter unha xuntanza para "explorar as posibilidades de concorrer xuntos ás vindeiras eleccións" sen que houbese "avances substanciais", explica CxG nun comunicado remitido á prensa. Para a "dirección" do colectivo "o tempo esgótase" e, "para ter credibilidade ante a cidadanía cómpre artellar un programa realista e profundamente transformador no económico, no social e no nacional", ademais da propia celebración das primarias, din. "En ningunha das dúas cuestións hai avances, polo que sen programa e sen procedemento" a coalición "sería unha fraude", conclúen.

Xoán Bascuas, líder de CxG CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.