O censo emigrante volve subir e xa é o 17% do electorado para o 21-O

Acto de Feijóo na Arxentina durante a campaña de 2009 © Crónicas de la emigración

Dezasete de cada cen persoas con dereito a voto nas vindeiras eleccións ao Parlamento galego non residen en Galicia. A pouco máis de mes e medio da cita coas urnas a Oficina do Censo Electoral (OCE) vén de pechar os rexistros do electorado que poderá exercer o sufraxio nos comicios do 21-O e o resultado é un novo e significativo incremento do denominado censo de residentes ausentes (CERA), isto é, o popularmente  coñecido como "voto emigrante", rexistro que, non obstante, non só está formado por mulleres e homes que tiveron que emigrar, senón por persoas con casuísticas diversas, algunhas das cales teñen como única ligazón con Galicia o feito de posuíren un pasaporte español.

O censo total medrou un 1,88% mentres que o CERA subiu un 18,4%

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) un total de 397.284 residentes no estranxeiro "con municipio de inscrición en Galicia" poderán participar nos comicios de outubro. Isto supón un medre do CERA do 18,4% a respecto das eleccións de 2009, cando tiñan dereito ao voto 335.453 ausentes. Se ben o medre absoluto non é menor, cunha diferenza de máis de 60.000 persoas, o incremento obśervase aínda con máis nitidez en termos porcentuais. A suba do CERA en apenas tres anos é do 18,4%. Mentres, o censo total apenas engordou nun 1,88%, pasando dos 2,64 millóns de persoas das eleccións de 2009 a 2,69 millóns nas de 2012. 

Malia ao incremento do censo as forzas políticas galegas prevén que desta volta a influencia do voto emigrante sexa menor que en anteriores comicios, afastándose polo tanto o risco de que o ditado das urnas do interior sexa alterado polas do exterior -en 2009 un escano do PP pasou ao PSdeG por este motivo, aínda que a súa maioría absoluta non chegou a alterarse-. O motivo desta baixada de participación é a reforma da Lei Electoral Xeral (Lorex), que impón o denominado voto rogado para as persoas residentes no exterior. Ao contrario do que viña acontecendo, esta normativa obriga a quen estea inscrito no CERA a solicitar expresamente a posibilidade de votar -como xa acontece no voto por correo ordinario-, algo que poderán facer ata o 22 de setembro. Así e todo, é previsible que as do 21-O sexan as primeiras e as últimas eleccións galegas nas que isto aconteca, xa que o Goberno central prevé modificar a normativa para volver ao escenario anterior, no que o electorado inscrito neste censo recibía a documentación electoral sen pedila e sen comprobación de identidade ningunha dando lugar, por exemplo, a que votasen persoas xa falecidas.

Distribución no mundo do CERA galego
Estados Persoas censadas
Arxentina 141.680
Venezuela 37.445
Brasil 36.683
Uruguai 34.743
Suíza 30.123
Cuba 27.135
Francia 15.906
Alemaña 13.155
Estados Unidos 13.123
Reino Unido 10.554
México 9.455
Outros 27.282
TOTAL 397.284

Os datos feitos públicos polo INE amosan tamén ás claras o peso fundamental de Sudamérica e, máis concretamente, da Arxentina entre o censo de electores ausentes. Así as cousas, máis da cuarta parte do CERA reside nalgunha localidade arxentina, país seguido por Venezuela, o Brasil e Uruguai. Esta concentración do electorado é a que levou o PP a decidir que, unha vez máis, o seu candidato viaxará á outra beira do Atlántico para pedir o voto, nunha viaxe cuxa duración e datas está aínda por facer pública. Neste mesmo sentido o secretario de organización e responsable da campaña do PSdeG, Pablo García, admitía este luns que tamén o comité electoral socialista está a valorar a posibilidade de que Pachi Vázquez realice un periplo sudamericano, decisión que, de concretarse, a formación faría pública nos vindeiros días.

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.