Feijóo pecha o mandato sen darlle á oposición sete de cada dez documentos que lle pediu

Feijóo posa cos membros do Grupo do PP ás portas do Parlamento © PPdeG

Unha lexislatura "moi intensa" e "produtiva", na que "lle demos cumprimento ao que dixemos na campaña electoral: que o Parlamento tiña que ser o centro da vida política, onde a oposición tivese o protagonismo que os cidadáns lle deron". O voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, resume deste xeito o que para o seu grupo é o balance do traballo do lexislativo galego dende que os conservadores recuperaron a maioría absoluta nel. Indicadores como o número de horas acumuladas de traballo en pleno -case 1.200- ou as preguntas respondidas polo Goberno -unhas 55.000- lévano a fiar unha diagnose positiva que, non obstante, contrasta con outras cifras non destacadas pola formación que dirixe Alberto Núñez Feijóo pero que si figuran nos rexistros da Cámara, caso por exemplo dos números que reflicten o grao de dilixencia da Xunta á hora de facilitarlle á oposición os documentos que lle pide.

Os conservadores coidan que a lexislatura foi "moi intensa e produtiva" no que atinxe ao traballo do Parlamento

En virtude do artigo 9 do Regulamento parlamentario os deputados e deputadas teñen "a facultade de solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que consten en poder destas". Ademais, a administración en cuestión, neste caso a Xunta, ten a obriga de "facilitar a documentación nun prazo non superior a trinta días" ou, en todo caso, comunicarlle nese mesmo prazo á Presidencia do Parlamento "as razóns fundadas en dereito" que "impidan" o acceso aos papeis reclamados. Tanto o Goberno actual como os anteriores adoitan flexibilizar estes prazos en función de motivos diversos que, segundo os grupos da oposición, sempre responden esencialmente ao interese político de quen ostenta o poder. Ao longo do mandato que remata tanto PSdeG como BNG amosaron a súa incomodidade polos atrancos aos que se enfrontan para acceder aos documentos e os últimos meses da lexislatura non foron unha excepción. Á marxe de declaracións partidarias o certo é que, cos datos oficiais na man, socialistas e nacionalistas non recibiron, como media, sete de cada dez documentos que reclamaron.

Segundo a memoria elaborada polo Servizo de Asistencia Parlamentaria correspondente ao período de sesións comprendido entre xaneiro e xuño de 2012 -o derradeiro da VIII lexislatura polo adianto electoral- o Goberno galego recibiu un total de 227 peticións de documentos, das cales 205 chegaron dende o PSdeG e as restantes 22, do BNG. Ao peche deste período o Grupo Socialista só recibiu 70 dos papeis que pedira e os nacionalistas, tan só seis. Dito doutro xeito, a formación liderada por Pachi Vázquez aínda está a agardar polo 74% da información que pediu e o grupo encabezado no Pazo do Hórreo por Ana Pontón fai o propio co 73%. Entre os documentos pedidos por uns e outros figura, por exemplo, o acordo asinado pola Xunta coa petroleira Pemex para, atendendo ás palabras do presidente, construír en Galicia barcos da empresa centroamericana. Este texto aínda non foi entregado pola Xunta, o mesmo que aconteceu en anteriores períodos de sesións co controvertido informe da consultora KPMG sobre a fusión das antigas Caixa Galicia e Caixanova.

A oposición só recibiu 76 dos 227 documentos que pediu

Malia seren estes uns datos pouco favorables para a folla de servizos do Goberno si son lixeiramente mellores que no período de sesións inmediatamente anterior, o comprendido entre xullo e decembro de 2011. Daquela os socialistas quedaron sen o 72% dos 181 documentos que pedidran e o BNG non obtivo o 84% das 91 peticións de papeis que formulou. Daquela o PP tamén fixera uso desta competencia parlamentaria en catro ocasión, tres das cales foran tramitadas e unha, respondida. Entre xaneiro e xuño de 2012 os conservadores non lle pediron formalmente papel ningún á Xunta.

Fonte: Servizo de asistencia parlamentaria CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.