PSdeG e BNG, seguros de que Rajoy recortará as pensións tras as eleccións galegas

Vázquez e Jorquera CC-BY-NC-SA PSdeG/BNG

Separados por algo menos de cen quilómetros pero coas mensaxes sintonizadas. Un en Santiago e outro en Vigo, os candidatos do PSdeG e do BNG á Presidencia da Xunta lanzaron esta mañá alertas semellantes. No terceiro día de precampaña máis ou menos formal nin a Pachi Vázquez nin a Francisco Jorquera lles pasou desapercibido o feito de que por primeira vez o Goberno central botase man do fondo de reserva da Seguridade Social para poder pagar con normalidade as pensións de xubilación e tanto o socialista como o nacionalista viron nesta operación do gabinete de Mariano Rajoy un anticipo do que está por vir despois de que a cidadanía galega pase polas urnas o 21 de outubro. "Sabemos que veñen polas pensións", advirte Vázquez en referencia a "a Rajoy e a Feijóo". "Sabemos que van pasar esa barreira que pensamos que nunca ían pasar" e por iso os comicios galegos "son máis ca unhas eleccións en Galicia", asegura. "Son un baluarte que lle ten que dicir á dereita de España que a política de Rajoy non vale nin lla imos permitir".

O aspirante socialista, que este mércores protagonizou a axenda mediática do PSOE a nivel estatal, ve nos comicios unha vía para refrendar ou non as políticas de Rajoy e o nacionalista unha posibilidade para, ademais, "frealas". Convencido tamén de que se Feijóo "revalida a maioría dará un aval ao Goberno de Rajoy" para "acometer recortes con maior agresividade", Jorquera ve especialmente "alarmante" o emprego do fondo de reserva das pensións, medida que para o Bloque implica "pór en perigo o sistema público de pensións". "As eleccións do 21 de outubro -asegura- danlle a oportunidade a Galiza de ter un goberno que sexa un dique, que sirva de contrapeso a estas políticas", di.

Jorquera: "As eleccións do 21 de outubro danlle a Galiza a oportunidade de ter un goberno que sexa un dique contra os recortes"

"Máis que a cor política do próximo Goberno da Xunta está en xogo o futuro das próximas xeracións", asegura Jorquera, nunha liña tamén compartida por Pachi Vázquez. Se Feijóo non recunca o líder socialista amósase convencido de que, dende a Xunta, se amosará que "hai outra Galicia posible", a que "loita polo cambio de modelo económico" para que "pague máis quen máis ten". É aquí onde se insiren propostas como os "impostos á banca", o incremento do IRPF para "grandes patrimonios", a "fiscalidade verde" ou os "impostos a grandes áreas comerciais". Todo isto, explica, servirá para "reconducir a política de ingresos" e poder "sufragar" plans para, por exemplo, promover a inserción laboral da mocidade. Neste sentido o socialista opta por poñerlle cifra ao compromiso: "Non nos vai tremer a man para ir a unha nova fiscalidade" e así dedicarlle "60 millóns de euros ao ano" a esta acción. A idea é "crear 25.000 empregos para menores de 30 anos". As formas concretas do plan serán consensuadas cos sindicatos, en encontros como o que o propio candidato do PSdeG mantivo este mércores cos secretarios xerais de CC.OO e UGT en Galicia.

Coalicións e "gobernabilidade"

Á marxe da cuestión das pensións e da política económica en xeral tanto Vázquez como Jorquera tiveron que responder a preguntas dos xornalistas sobre un posible escenario post electoral sen maioría absoluta do PP, máis aínda despois de que, nunha entrevista concedida á Axencia EFE, Feijóo asegurase que a única intención das formacións políticas diferentes do PP é chegar á Xunta para "repartirse os cartos". "Quen está repartindo os cartos da Xunta", pero "con Baltar e con Louzán é el", di Vázquez, en cuxa opinión Feijóo "sabe que fracasou como presidente e só lle queda meterlle medo aos galegos coas outras formacións políticas". "Non sei se fala a miúdo con Monago [presidente de Estremadura], que ten unha coalición con Esquerda Unida", ironiza. "Hai un modelo democrático en toda Europa que se chama política de coalicións", evidencia Vázquez, no cal "deciden os cidadáns". "O resto son teorías clásicas da dereita", segundo as cales "a maioría absoluta é boa cando a teñen eles".

Vázquez: "Hai un modelo democrático en toda Europa que se chama política de coalicións, o resto son teorías clásicas da dereita"

Neste ámbito Jorquera subliña que a "vontade inequívoca" do BNG é "que se abra unha nova etapa política en Galiza" e iso, di, pasa por que "deixe de gobernar o PP". Partindo da base de que o Bloque non desexa estar no Goberno "a calquera prezo", xa que se trata de efectuar "un cambio profundo" e non unha mera "alternancia", Jorquera garante que, en caso de que tras o 21-O ninguén poida gobernar en solitario, "será o momento de discutir fórmulas para asegurar a gobernabilidade", "sempre" baseadas nun programa de goberno que "asegure un cambio real".

Vázquez, tras reunirse con CCOO e UGT CC-BY-NC-SA PSdeG
Jorquera, nun almorzo informativo en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.