Beiras vaticina que "unha coalición de amplo espectro sería unha bomba electoral"

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

"As horas contan como días". Menos de vinte e catro horas despois de que o Consello Nacional de Esquerda Unida lle dese luz verde á conformación dunha "coalición técnica" con Anova-Irmandade Nacionalista e a pouco máis doutras tantas para que se peche o prazo legal para a conformación de alianzas electorais Xosé Manuel Beiras amosa metaforicamente o reloxo. O líder de Anova ratifica a luz verde de EU a un acordo "sen cancelas" e asegura que, coas limitacións que o tempo impón, a "actitude" das dúas formacións é "inclusiva" e "aberta ao amplo espectro", porque "se se consegue un amplo espectro que abranga á maioría social, o éxito está garantido". "Pódese dubidar das magnitudes" pero o que non dubida o nacionalista é que "sería unha bomba, en sentido metafórico, que mudaría rotundamente o panorama electoral actual". 

Unha coalición "inclusiva reduciría as posibilidades que poida ter o PP de renovar a maioría", di Beiras

Para Beiras esa potencialidade dunha posible alianza ampliada é a que "debe pesar na cabeza de todo o mundo" e "así o tivo na cabeza EU mesmo a nivel estatal". Cómpre, ao seu xuízo, a "comprensión de que estamos nun momento" no que un pacto deste tipo "reduciría enormemente as posibilidades que aínda pode ter o frijolismo, o PP, de renovar a maioría parlamentaria". "Toda a cidadanía cun mínimo de percepción vería ese resultado como un enorme éxito xa de por si, e calquera frustración parcial, aos responsables dificilmente se lles perdoaría por parte dos cidadáns", vaticina.

Con estes augurios respondía Beiras ás preguntas dos xornalistas sobre a posibilidade de que, finalmente, se sume á esta "fronte ampla" Compromiso por Galicia (CxG), organización coa que Beiras recoñece "avances" tras múltiples "contactos", pero aínda "non hai unha decisión definitiva" -CxG deixou nas mans das súas asembleas comarcais a determinación final-. "Eu confío en que tomen unha decisión definitiva axiña porque non dispoñemos de moitos días, dispoñemos de horas". En todo caso o portavoz de Anova di estar "convencido" de que "todo o corpo militante integrado en CxG, moi claramente no caso de Máis Galiza" é "moi consciente" da necesidade de actuar "con sentido de Estado e non consentido de intereses específicos de partido". "Esa idea está moi asumida e iso favorece un acordo", asegura.

Mentres Beiras apela á celeridade e confía en que as bases de Esquerda Unida "corroboren moi maioritariamente" a coalición, no entorno de Compromiso mantense que, chegados a este punto, "non hai atrancos programáticos con Anova" e, á marxe de discusións "técnicas e de calendario", vinculadas entre outros aspectos á celebración das primarias -CxG tenas convocadas para o domingo día 9-, "tampouco ten que haber" eses atrancos con EU.

 

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.