Jorquera aposta por "poñer Galicia a producir" para saír da crise

Jorquera, na charla-coloquio en Vigo © BNG

Máis soberanía, máis servizos públicos e "pór Galicia a producir". Neses tres eixos baseou Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta, o programa co que concorrerá o Bloque ás eleccións do 21 de outubro. Nun coloquio celebrado en VIgo o deputado nacionalista apostou por un "cambio radical" das políticas económicas e por un desenvolvemente "pleno" do tecido produtivo do país.

"Pór Galicia a producir". Ese é o obxectivo dun BNG que cre que se precisa algo máis que unha "alternativa" nestes tempos. O que se necesita, segundo Jorquera, é unha virada rotunda na orientación das políticas que aplica a dereita porque estas só traen "máis recortes e máis empobrecemento da sociedade".

Jorquera fai unha defensa rotunda dos servizos públicas e da economía produtiva galega

Nese cambio de rumbo, para o BNG é fundamental protexer e afianzar os servizos públicos e as políticas sociais porque "son fundamentais para o benestar da xente", moito máis nun momento no que "están a ser desmantelados para facer da educación e a sanidade, por exemplo, un negocio". Do mesmo xeito, Jorquera avanzou que o Bloque apostará por unha rexeneración democrática e por unha posta en valor da política fronte a un PP que "está inmerso na degradación da democracia e das institucións".

"Hai que fortalecer o autogoberno; a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia"

"Hai que facerlle fronte e iso pasa tamén por fortalecer o autogoberno e avanzar cara á soberanía, porque a crise está a evidenciar que a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia e que as decisións que tan directamente afectan os cidadáns tómanse en ámbitos que non emanan da vontade democrática dos pobos", manifestou Jorquera, que cre "fundamental" que Galicia teña o control da súa propia económia. Por mor disto, apostou sen dubidalo por un banco público e polos seus recursos para garantir o benestar colectivo.

"A dereita ten interese en fraccionar o voto da oposición e por iso promove outras alternativas"

En canto ás enquisas publicadas na prensa, e a preguntas dos xornalistas, Jorquera destacou que segundo a feita pública este domingo o PP "perde tres puntos en porcentaxe de voto" pero consolida a maioría, o que "explica por qeu a dereita ten tanto interese en fraccionar o voto da oposición e en promover outras alternativas que fragmenten o voto", en clara referencia á coalición Alternativa Galega ou a Compromiso por Galicia.

"Hai partido. Os galegos saben que somos a garantía dun cambio real e que o único voto realmente alternativo en Galicia ten un nome: Bloque Nacionalista", sentenciou.

Jorquera, na charla-coloquio en Vigo © BNG
Francisco Jorquera, durante un acto do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.