Feijóo di que o seu programa "non é do PP nin busca votos" e si "saír da crise"

Feijóo, durante a presentación do programa do PP © PPdeG

Di Núñez Feijóo que el mesmo solicitou "formalmente" que o programa da súa formación de cara ás vindeiras eleccións autonómicas "non sexa do PP, senón que sexa un programa de goberno", e "que non sexa para buscar votos, senón para saír da crise económica". Na presentación dos eixos da súa folla de ruta e no transcurso dunha reunión co equipo redactor, o candidato da dereita asegura que o devandito programa "non é de partido", senón "de goberno".

Feijóo pide desculpas aos seus militantes "se non se ven reflectidos" no programa porque é "para a maioría"

"É un programa para gobernar e non para un partido", asegura Feijóo sobre un texto co que, segundo di, os populares non buscan "o aplauso sinxelo" e fronte a aqueles programas "que se presentan para facer outro programa se o PP non ten maioría". "Este programa é para maiorías", insistiu. O presidente da Xunta incluso pediu desculpas aos "militantes e votantes" da súa formación se "non se ven reflectidos absolutamente" no texto. "O único que lles pido é que lean ben o programa, para que entendan que é o programa da maioría", dixo.

"O importante é facer un programa para a rúa", chegou a asegurar Feijóo, que incluso acalra que pretende que a xente se identifique co texto "independentemente da ideoloxía ou da cor política". "Que se entenda en Teis ou en Fene e nas ría ou nos Ancares", engadiu.

O presidente da Xunta insiste en que "Galicia cumpriu o seu deber" e "incrementou os servizos públicos"

Xunto a Pedro Puy, coordinador do texto programático, Feijóo volveu insistir no "rigor" como a base da folla de ruta e como clave para comezar o crecemento e para un investimento público que "dirixida ao emprego que crea emprego" e non "para subvencionar un emprego que despois se destrúe cando finalizan os cartos da subvención". Como sempre, o presidente da Xunta defendeu que "Galicia cumpriu o seu deber" ao "manter as contas saneadas e incrementar os servizos públicos" e que conta cun proxecto económico pensado "até o ano 2020".

"Galicia anticipouse e agora é máis forte para afrontar a próxima lexislatura que será a lexislatura do crecemento económico", finalizou Feijóo, que di que quere "un programa humilde porque non hai nada gañado". Así, e en canto ás enquisas que lle dan a maioría absoluta, o candidato popular advertiu de que o resultado "segue sendo 0-0". "Só hai dúas opcións: a do PP ou a dun pentapartito", rematou.

Feijóo, durante a presentación do programa do PP © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.