Feijóo desdeña subir impostos ás rendas altas porque "pagan e defraudan os de sempre"

Feijóo, durante o almorzo informativo © Nueva Economía

Hai escenarios máis proclives para as preguntas incómodas aos políticos e outros que o son menos. Os almorzos informativos nos que a prensa non pode realizar preguntas directamente a quen intervén pertencen ao primeiro destes dous grupos. Polo tanto, o que de informativo saia destes encontros depende, en boa medida, da habilidade do ou da conferenciante e da súa vontade de colocar tal ou cal titular. Este luns o presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, subiu á denominada Tribuna Galicia do Fórum Europa para presentar algunhas das súas credenciais de cara ás eleccións do 21 de outubro. "Rigor" e "crecemento", proclamou Feijóo, na liña do primeiro gran acto de precampaña celebrado polo seu partido. Pero, malia aos filtros, tamén houbo lugar ás preguntas e tamén ás respostas. Entre as máis destacadas, o rexeitamento frontal do conservador a subir impostos, tamén ás rendas altas. A explicación: "hai unha enorme bolsa de fraude fiscal".

Feijóo critica, sen mencionar a Rajoy, que Hollande "fai o que dixo que non ía facer", algo "que ultimamente acontece con frecuencia"

Co paquete de medidas económicas anunciadas polo presidente de Francia, François Hollande, como pano de fondo, Feijóo lanza unha emenda á totalidade ás propostas tributarias de formacións como o PSdeG e o BNG para asegurar que "subir impostos, se o que facemos é subir a fraude, non ten moito interese". Ben ao contrario, na súa opinión o que cómpre "trasladarlle" á cidadanía é que "non queremos subir impostos" pero que "teñen que pagar os que xa teñen". Isto "non sei se o aplaudirán, pero entenderano mellor". Pola contra, sempre ao seu xuízo, "subir impostos", sexa cal sexa o nivel de renda, "non ten moito sentido" porque "pagan sempre os mesmos e defraudan sempre os mesmos". Ademais, a unha persoa acaudalada sempre lle queda a opción de "censarse" noutro Estado, di.

Unha vez deixado claro que, se recunca na Presidencia, non emulará a Hollande no que a subir impostos aos ricos se refire, o líder do PPdeG aproveita tamén para cargar contra a esquerda en xeral, personificada neste caso no socialista francés. Nunha exposición que suscitou algunha que outra ollada irónica entre a concorrencia Feijóo reflexionou sobre o feito de que "o presidente francés fixo o que dixo que non ía facer", algo que, evidencia, "acontece ultimamente con bastante frecuencia". "Dilles aos franceses que vai reducir o gasto público" cando en campaña "dixo o contrario". Mentres nalgúns puntos da capela real do Hostal dos Reis Católicos, que acollía o acto, se besbexaba o nome de Mariano Rajoy, Feijóo laiábase de que "os que nos gobernan en Europa non teñan "un comportamento máis estadista" e "máis serio". A Unión Europea ten "os líderes menos sólidos dos últimos anos" e iso "prexudícanos", conclúe.

Facturas pendentes e débeda na Xunta

A débeda da Xunta pasou de 4.200 millóns en 2009 a 7.300 en 2012

No día do seu aniversario -como o ex presidente Gerardo Fernández Albor se encargou de lembrar, no seu papel de presentador do acto- Feijóo tivo tamén que facer fronte a outra cuestión espiñenta: o incremento da débeda na Administración galega dende que el a dirixe e as facturas pendentes no seo da Xunta. Nun contexto no que, segundo datos do Banco de España, a débeda pública xerada polo Goberno galego pasou de 4.282 millóns de euros en 2009 a 7.381 no inicio de 2009, Feijóo defende este incremento escudándose en que "nós subscribimos exactamente a porcentaxe de débeda" permitida tanto "polo Goberno socialista como polo Goberno popular, nin un euro máis". Cómpre, polo tanto, "coñecer a verdade" aínda que sexa "con independencia de que aumentamos" o devandito indicador". "Os que nos critican" por isto "son os mesmos que din que fixemos axustes no Estado do Benestar", di en referencia á oposición parlamentaria, polo que lle "gustaría que se puxesen de acordo", conclúe.

Vencellado con isto Feijóo tamén resta importancia ás voces que poñen en dúbida a celeridade do seu Goberno no pagamento de facturas. Pode haber queixas porque " temos milleiros de provedores" pero, mantén, a media de pagamento da Xunta está en 50 días. "En Portos de Galicia hai unha partida de case 5 millóns que temos que actualizar" e "o Sergas leva o seu propio ritmo" pero, á marxe disto, "pode haber algunha factura que estea pendente e o que temos que facer non é discutila, senón pagala". 

Feijóo, durante o almorzo informativo © Nueva Economía

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.