0 Gardados para despois

Máis Galiza entra na súa semana máis decisiva a dúas semanas de decidir se deixa o BNG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Días transcendentais para Máis Galiza e, polo tanto, para a configuración interna do BNG. A apenas dúas semanas de que a corrente que encabeza Carlos Aymerich celebre asemblea nacional para decidir o seu rumbo futuro ou, o que é o mesmo, para reflexionar sobre a súa permanencia ou marcha da formación frontista, as forzas internas defínense. En pleno proceso para constituírse formalmente como partido político, en +G distínguense dous polos, nos que a súa militancia se agrupa, esencialmente, en función de preferiren ficar ou abandonar a formación frontista, que mesmo poderían derivar en dúas listas na cita asemblear.

Estas dúas sensibilidades sentarán á mesma mesa este xoves, no Consello Político Nacional da corrente, unha cita que fontes internas consultadas por Praza Pública ven "decisiva" de cara a tender pontes e, polo tanto, salvar a posibilidade de que a asemblea sexa "de confrontación". As mesmas fontes apuntan que, en anteriores xuntanzas, "a maior parte" do Consello Político foi proclive á marcha, se ben aumentan os que chaman agora a matizar esa posibilidade. En boa medida, as voces que apostan pola permanencia son institucionais, isto é, alcaldes e alcaldesas, así como parte das cabezas visibles de +G, entre elas o propio Aymerich. As argumentacións a prol de quedar no Bloque son diversas pero pódense resumir en dúas: a necesidade garantir a "estabilidade institucional" nos municipios e a de non transmitir un panorama máis inestable no nacionalismo de cara ás eleccións autonómicas.

Entre quen avoga por marchar -tanto militantes individuais como correntes definidas, caso por exemplo da Mocidade Nacionalista Galega- tamén se opta pola prudencia. Ven "posible" chegar á asemblea con dúas tendencias moi definidas e mesmo con dúas listas, pero coidan que "non é o desexable" e nin sequera é algo que "se comezase a formular". No entorno dese sector considérase tamén "crucial" a xuntanza do Consello Político, ao que cren que poderían chegar propostas como formular a relación co BNG en clave de "coalición" electoral ou apostar por unha Asemblea Nacional Extraordinaria, que reordene as forzas internas tras a escisión do Encontro Irmandiño. Ambas posibilidades, din, semellan "dificilmente realizables" nun contexto no que, engaden, a "emotividade" tampouco é unha cuestión menor, dado que existen militantes de +G que se resisten a abandonar o BNG despois de levar "moitos anos traballando dentro".

Así as cousas, o escenario de cara a ese Consello Político do xoves está ateigado de interrogantes, aos que se suman tamén o papel que poderan ou non xogar os integrantes de +G que xa deixaron o Bloque ou as posicións nas que se poidan situar dirixentes como Aymerich no caso de que se cheguen a conformar dúas candidaturas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Guillerme: "Temos que estar no mellor momento para ser alternativa á xestoría de Feijóo"

"Non vou descoñecer as dificultades, só faltaría, pero nos centraremos en dar alternativas". O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avogou este luns por centrar os "esforzos" da formación frontista en ser "alternativa" ao "peor goberno da historia de Galiza" e non nos problemas internos. Nun ton sensiblemente máis afable que o de hai sete días, o líder nacionalista sinalou, ao remate dunha xuntanza co grupo parlamentario do Bloque, que a súa intención pasa por "non falar de ningunha cuestión relacionada coa civda interna do BNG". "Son libres de preguntar e eu, de non contestar", ironiza.

Neste contexto, a preguntas da prensa Vázquez aposta por "obxectivar as cousas" e, iso, di, leva a constatar que "en Galiza non hai goberno" entendido como "grupo de persoas dedicadas a solucionar problemas". "Hai unha xestoría" que "agora, coa chegada de Rajoy, acadará niveis de paroxismo". Na súa opinión, "cousa distinta é se a oposición está no seu mellor momento". "Como BNG, temos que tratar de estalo", di.

A desaparición de Novacaixagalicia e o incerto futuro de Novagalicia Banco, o futuro do sector naval e, sobre todo, a oposición "frontal" á reforma laboral son algunhas das coordenadas que, di Guillerme Vázquez, centrarán a acción parlamentaria do BNG no novo período de sesións. No que atinxe ás mobilizacións contra o proxecto do Goberno central orientado a "desequilibrar" definitivamente as relacións entre "traballo e capital", o líder nacionalista avanza que o Bloque terá "algunha entrevista" coas "organización sindicais" para participar nas súas mobilizacións.

O portavoz nacional do BNG aposta por centrar os esforzos da formación en ser "alternativa" ao "peor goberno da historia" de Galicia.

CC BY-SA Praza Pública