Jorquera insta a Feijóo a recorrer a quita das preferentes ou estará: "do lado dos estafadores"

O candidato do BNG, na xuntanza con afectados CC-BY-NC-SA BNG

"Poñerse do lado dos estafadores" ou "do dos estafados". Esta é a disxuntiva á que, en opinión do candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, debe responder Alberto Núñez Feijóo de maneira inmediata. O vindeiro xoves o Congreso dos Deputados convalidará o decreto da nova reforma financeira do Goberno central que, entre outros aspectos, expón a boa parte das persoas afectadas por esta "estafa" das antigas caixas galegas a unha quita, isto é, a unha perda de "entre o 60% e o 80%" dos seus aforros. E Feijóo, di o cabeza de cartel dos nacionalistas, non pode "eludir a súa responsabilidade", nin como actual xefe do Executivo galego nin tampouco como presidente do PPdeG, xa que no Congreso sentan tamén parlamentarios deste partido aos que o aspirante á reelección, di Jorquera, debera "demandarlles que voten en contra".

Jorquera esixe que a Xunta recorra o decreto porque "invade competencias" de Galicia

Pero xunto a esta habitual petición, cuxas posibilidades de cumprimento tenden a ser nulas, o nacionalista esixe tamén medidas dende a Xunta. Despois de recibir na sede nacional do Bloque a un grupo de persoas afectadas por estes produtos financeiros complexos, os cales, din, lles foron ofrecidos como vías para o aforro e non para o investimento de risco, Jorquera advertiu de que en San Caetano si teñen vías para opoñerse ao que considera unha "expropiación" á que serán sometidas as que xa son "vítimas dunha estafa". En canto se aprobe o decreto e, polo tanto, a quita, di, a Xunta debe recorrelo ante o Tribunal Constitucional por violar preceptos da Carta Magna española e, ademais, por "invadir competencias" propias de Galicia.

Esta non é, en opinión de Jorquera, a única ferramenta na man de Feijóo. O presidente, di, debe dar as ordes pertinentes para que o seu Goberno se "persoe" na demanda que a Fiscalía Superior de Galicia ten interposta a causa desta estafa e facelo "en defensa dos milleiros de estafados". Do mesmo xeito o candidato do BNG diríxese ao conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, para que en uso das súas competencias en materia de Xustiza "dote de máis medios ao xulgado número 11 da Coruña", que instrúe a demanda, co obxectivo de que os traballos se poidan desenvolver con maior axilidade. Todos os "compromisos" que Francisco Jorquera lle reclama a Feijóo neste ámbito son os mesmos que o BNG, afirma, xa "asumiu" non só ante os propios afectados e afectadas, senón ante "toda a sociedade galega".

O candidato do BNG, na xuntanza con afectados CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.