0 Gardados para despois

O BNG insta oficialmente os concelleiros 'irmandiños' a entregar as actas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Primeiro verbalmente e agora, oficialmente. Unha semana despois de que o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, instase os membros do Encontro Irmandiño a que, por "coherencia política", abandonasen os postos institucionais para os que foron elixidos en listas do Bloque, a Executiva Nacional da formación frontista vén de reclamárllelo de xeito oficial. Nun comunicado remitido aos medios, a Executiva anuncia o seu "acordo" de "emprazar" as "persoas que se deron de baixa como militantes do BNG e que son cargos públicos nos concellos" a "que entreguen as súas actas".

Xunto a esta esixencia, a propia decisión da Executiva prevé un segundo escenario que, a priori, deixa o campo aberto para o mantemento dos grupos de goberno local nos que participan 'irmandiños'. "Na hipótese de non as entregaren -din- o BNG vainos instar a que abandonen os grupos municipais da formación nacionalista". Neste caso, os edís pasarían aos grupos mixtos, como suxerira o candidato do Bloque á Xunta, Francisco Jorquera, e mesmo poderían manter a correlación de forzas nas corporacións municipais.

Tamén no ámbito municipal, a Executiva frontista concretou a desautorización avanzada por Vázquez aos seus concelleiros de Cee, que pactaron unha moción de censura co PP para desaloxar do poder ao alcalde, Ramón Vigo, dun grupo independente e presuntamente implicado na Operación 'Orquesta'. Sen descartar outras medidas, a dirección frontista esixe "que retiren a moción de censura rexistrada nese municipio".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.