Llamazares busca "representar a indignación" co seu novo partido Izquierda Abierta

Llamazares, na asemblea constituinte da formación © Izquierda Abierta

Izquierda Abierta celebrou este sábado a súa asemblea constituínte en Madrid facendo un chamamento a "crear un bloque político alternativo ás políticas de dereitas, que recolla o sentir e as propostas dos cidadáns". O partido, no que ademais de Llamazares destaca a presenza de Luis García Montero, Teresa Aranguren, Almudena Grandes ou o ex reitor da Universidad Complutense Carlos Berzosa, intégrase en Izquierda Unida. O partido ten o obxectivo declarado de "contribuír á reconstrución da esquerda" e converterse na "representación política" da "indignación".

Llamazares afirma que para iso establecerá "lazos con todas as forzas sociais e políticas da esquerda" e destacou que movementos como o 15M ou o Cumio Social do pasado 15 de setembro que "demostraron a potencialidade da virtude do republicanismo cívico". "O noso principal obxectivo é configurar unha fronte de maioría social e política que represente esa protesta. Estamos dispostos a esa presentación", dixo. Llamazares dixo que "foron demasiadas" as confrontacións que se protagonizaron na esquerda, e que por iso, un dos seus trazos será a "fraternidade republicana" engadindo que "queremos un futuro para a esquerda fraterno e amable".

"Non é eficaz ni razonable utilizar ferramentas de finais do século XIX, por moi amorosas que sexan"

O asturiano afirmou que "vivimos unha situación moi difícil, a marxes para a política estreitáronse moito, e as dificultades tradicionais agudizanse cando hai unha concentración de medios de comunicación pouco proclive. Polo tanto é fundamental devolverlle a ilusión á xente. Non se trata só de facer política de esquerdas. É un intento de facer algo, de enfrontar unha crise distinta cun discurso novo". E engadiu que "non é eficaz ni razonable utilizar ferramentas de finais do século XIX, por moi amorosas que sexan, por moi simbólicas que sexan e moi útiles que foran para encarar as loitas do pasado".

Llamazares denunciou a "a lei do funil" que aplica o Goberno: "no Congreso aprobáronse gastos para a banca, para as compañías farmacéuticas e para pagar os investimentos militares. Non é austeridade, é a lei do funil: o ancho para as grandes compañías e o estreito para os cidadáns".

"Se o euro está contra os dereitos sociais e a democracia, non queremos ese euro", concluiu

Izquierda Abierta aposta polo Estado Federal para "enfrontar o problema social" e dar reposta ás "demandas nacionalistas de Cataluña, País Vasco e Galicia", e chamou a Rajoy e a Mas a centrarse na "cuestión social" que é "o verdadeiro problema". Llamazares dixo a este respecto que "nós non nos imos envolver en ningunha bandeira para evitar como Mas a crítica aos seus recortes nin como Rajoy para provocar unha confrontación territorial e non afrontar un debate sobre como saímos da crise". Finalmente apostou por abrir o debate sobre o euro e a Unión Europea porque actualmente "máis Europa" está a levar a "menos democracia". "Se o euro está contra os dereitos sociais e a democracia, non queremos ese euro", concluiu.

Llamazares, na asemblea constituinte da formación © Izquierda Abierta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.