A reforma electoral coa que soña Feijóo

Feijóo, na presentación das listas do PP de Lugo © PPdeG

Non é nova a proposta, pero si o contexto e parte da argumentación. Como en cada proceso electoral o PPdeG e, nomeadamente, o presidente da Xunta e aspirante á reelección, Alberto Núñez Feijóo, vén de resucitar a idea dunha reforma electoral que lle garanta a formación de goberno á lista máis votada ou, o que é o mesmo, que impida a formación de Executivos de coalición. Faino nun panorama electoral aberto, tanto que pode dar como resultado o Parlamento máis plural cando menos da última década, e acompañando a súa vella iniciativa coa máis recente aposta por reducir o número de escanos do lexislativo galego, de 75 a 61 -inclúida no programa do PP-. Todo, para que Galicia conte cunha "lei electoral europea", reflexionou durante unha entrevista na Cadena SER.

O PP inclúe no seu programa a redución de escanos do Parlamento de 75 a 61

Para xustificar o europeísmo da súa idea Feijóo recorre, entre outros, ao exemplo da "segunda volta" que decide as eleccións presidenciais en Francia e outros modelos semellantes, igualando, deste xeito, sistemas presidencialistas con sistemas parlamentarios como o galego, onde nin sequera existe legalmente a figura do candidato ou candidata á presidencia da Xunta ata que non se constitúe a Cámara: nas listas electorais só hai aspirantes a deputados e deputadas, entre os cales se elixirá á persoa titular do Goberno en función das maiorías que se acaden. É o mesmo mecanismo que permite, por exemplo, que no caso de repetir o PP a súa maioría absoluta Feijóo puidese deixar a Presidencia a metade do mandato e deixar a outro deputado no posto.

Pero a mestura entre modelos tan diferentes -combinación de difícil encaixe, por outra banda, no actual marco estatutario e constitucional- non existe no discurso do líder conservador. O veto aos pactos postelectorais e á conformación de gobernos sustentados en máis dunha forza política "evitaría", segundo Feijóo, o xurdimento de "partidos bisagra" e de "intereses persoais nas listas". Ademais, "facilitaría unha maior afección dos cidadáns á política", asegura.

Debates de "broma" e Mario Conde

A recuperación da sacralización da lista máis votada -xa lanzada por Feijóo en anteriores procesos electorais e mesmo prometida por Rajoy antes das municipais de 2011- chega antes do inicio da campaña e da celebración dos primeiros debates electorais das dúas últimas décadas nunhas eleccións galegas. A doutrina anti coalicións serve tamén neste ámbito, no que Feijóo carga as tintas malia lograr que os encontros televisivos sexan tres "cara a cara" -enfrontarase por separado ao socialista Pachi Vázquez e ao nacionalista Francisco Jorquera, que tamén farán o propio entre si- e non un único debate a tres. Despois de reclamalo e conseguilo Feijóo considera agora que un debate entre PSdeG e BNG é "unha broma" e "unha falta de respecto" porque ambas forzas "xa teñen unha coalición postelectoral". "Agora van debater para ver se a xente non se decata de que teñen un pacto", asegura.

Feijóo considera agora "unha broma" e "unha falta de respecto" que PSdeG e BNG debatan en televisión

Neste taboleiro político xunto á condena á conformación de maiorías parlamentarias cómpre ter tamén en conta outra peza máis: a irrupción de novas forzas políticas de moi diferente natureza que poden ameazar a maioría absoluta do PP. Por unha banda os temores dos populares están no efecto que poidan ter no electorado de esquerdas a posta en marcha de forzas como Alternativa Galega de Esquerda e, en segundo termo, Compromiso por Galicia, na medida en que poidan recoller votantes que antes o foron de PSdeG e BNG e evitar que certo volume de electorado se decante pola abstención.

O outro temor está no seu propio caladoiro e ten nome propio: o ex banqueiro e ex convicto Mario Conde, cabeza de lista por Pontevedra en nome da marca electoral Sociedad Civil y Democracia (SCD), en cuxas listas electorais se poden distinguir diversos ex militantes do PP. Dende o cuartel xeral dos populares galegos a mensaxe sobre Conde é variable e abarca dende a advertencia dun posible apoio de SCD a PSdeG e BNG ata a lembranza do pasado penal do que fora presidente de Banesto. Pero as preguntas sobre un eventual pacto PP-Mario Conde soben de volume e este luns Feijóo víase obrigado a atallalas durante un almorzo informativo: "eu gobernarei cos escanos do PP, con ningún máis", asegura, nun contexto no que, reitera, "os cidadáns teñen dúas opcións: o PP e o resto, e os galegos somos moi intelixentes".

Pleno solemne do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.