0 Gardados para despois

Feijóo aproba por trámite de urxencia as súas leis máis polémicas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

"Cando a natureza dun proxecto de lei o aconsellar ou a súa simplicidade de formulación o permitir". No seu artigo 134.1, o Regulamento do Parlamento regula deste xeito o procedemento de lectura única, unha vía rápida para aprobar as leis que reduce ao máximo a tramitación dos proxectos e tamén minimiza a capacidade de intervención dos grupos da oposición nos mesmos. O campo tan amplo que abre ese precepto regulamentario fai que, na práctica, o criterio que guía a utilización da lectura única sexa que o Goberno de quenda queira facelo. En raras ocasións se produce o suposto que indica o Manual Parlamentario, recemente editado e que de agora en diante se entrega aos novos deputados. Segundo esa publicación, as circunstancias para empregar a lectura única "obrigan a un consenso entre as forzas políticas para a apreciación da súa existencia". Alén desta declaración de intencións, unha ollada á actividade parlamentaria desta lexislatura permite concluír que o Executivo de Alberto Núñez Feijóo recorre á lectura unica para sacar adiante algúns dos seus plans máis polémicos, dándolles pouco tempo para estaren no debate público.

A última norma que a Xunta decidiu tramitar por esta vía é a lei "de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia", isto é, o plan de recortes para os funcionarios e demais persoal da Administración, aprobado en Consello da Xunta a pasada semana e que terá a luz verde definitiva do Parlamento o vindeiro martes. Mentres as protestas sindicais se multiplican, a tesoirada está lista para aplicar en menos de dúas semanas.

A aprobación dos recortes ao persoal da Administración durará menos de dúas semanas

O emprego da lectura única comezaba apenas dous meses despois da toma de posesión do gabinete de Feijóo. Mentres na rúa arreciaban as protestas polas anunciadas mudanzas lingüísticas da Xunta, a Consellería de Facenda utilizaba o trámite urxente para eliminar a obrigatoriedade de realizar, cando menos, un exame en galego en cada proceso de oposición. Esa modificación da Lei da Función Pública, sinalaba a daquela conselleira, Marta Fernández Currás, realizábase dun xeito tan rápido para "garantir os dereitos lingüísticos dos opositores" no menor tempo posible. A obrigatoriedade de incluír un exercicio en galego en cada oposición fora apoiada non só por PSdeG e BNG, senón tamén pola, CIG, CC.OO e UGT, isto é, polos representantes do 90% do persoal da Administración.

A "simplicidade" das reformas ou outro tipo de "urxencias" foron argumentadas pola Xunta ou o PPdeG para sacar adiante co mesmo procedemento a reforma da Lei de Caixas que modificaba a normativa pactada co BNG a finais de 2009, ou para reformar a Lei de Comercio que, segundo os conservadores, cumpriu mudar rapidamente a causa dos "fallos do bipartito". A propia lectura única empregouse tamén para a lei "de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público", unha norma breve na súa extensión pero transcendente no seu contido xa que, entre outros aspectos, prorrogou as concesións dos autobuses de transporte escolar ata finais do ano 2020.

O trámite de urxencia

Ademais da lectura única, o Goberno galego amosou ata o momento especial tendencia a utilizar tamén o "procedemento de urxencia", unha vía para aprobar leis máis lenta que a lectura única pero que, en calquera caso "reduce á metade" os "prazos establecidos con carácter ordinario" e, polo tanto, reduce tamén o debate e a participación da oposición pola vía das emendas.

Este camiño urxente foi o que seguiron, ata o momento, normas como a redución de impostos para a compra de vivenda e a reforma da Lei de Pesca do bipartito. A "urxencia" foi tamén aplicada para a Lei de Disciplina Orzamentaria, a norma que encorseta as contas autonómicas ata o punto de que, no momento en que chegue o crecemento económico e a Xunta poida aforrar, os froitos dese aforro terán que ir obrigatoriamente a pagar as débedas cos bancos, relegando a un segundo plano os investimentos ou a ampliación de, por exemplo, as prestacións sociais. No momento de aprobar esta lei, a mediados do pasado ano, socialistas e nacionalistas atribuían esta "urxencia" á mera querencia de Feijóo de ser "o primeiro" do Estado en sacar adiante unha norma destas características.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Losada: "É propio dun Goberno máis preocupado pola súa imaxe que polos cidadáns"

O voceiro do PSdeG no Parlamento, Abel Losada, ve no abuso do trámite de urxencia unha constatación de que, "para o PP, o Parlamento é un mero trámite burocrático e engorroso que hai que pasar". Para o socialista, o reiterado recurso á vía da lectura única "diminúe a calidade dos proxectos de lei" e a posibilidade da oposición de "defender a súa perspectiva e mellorar" as normas que aproba o Goberno. En calquera caso, Losada asegura para Praza Pública que dende o PSdeG "non agardábamos máis dun Goberno que está máis preocupado pola súa imaxe" que polos cidadáns.

No caso concreto da lei que recortará diversos dereitos laborais dos traballadores públicos, Losada ve na utilización da lectura única un intento de que "estea na axenda política o menor tempo posible" unha normativa que "ataca os dereitos laborais dos funcionarios cun dobre obxectivo". Ao seu xuízo, trátese dun "tema orzamentario" que "ignora que hai moitos máis sitios na Administración onde recortar", pero que tamén ten "elementos de carácter ideolóxico" para "socavar os servizos públicos" e instaurar o "discurso" de que "o privado funciona mellor que o público".

 

Pontón: "Amosa que, malia ás proclamas, o presidente actúa de maneira autoritaria"

"Un subterfuxio para evitar o debate". A voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, censura que o Goberno galego empregue reiteradamente os procedementos urxentes para aprobar leis controvertidas porque, na práctica, é unha vía para "gobernar vía decreto", evitando "que se poida dar un debate en profundidade sobre o alcance das leis" como o recorte dos dereitos laborais do persoal da Administración autonómica. Para a nacionalista, este xeito de actuar "demostra que, fronte ás proclamas do presidente de querer dialogar", realmente o gabinete de Alberto Núñez Feijóo "actúa de maneira autoritaria, sen ter en conta as posicións dos demais" e "converte o Parlamento en burocracia".

No caso concreto da lei que modifica as condicións de traballo do funcionariado e dos empregados públicos, Pontón coida que a lectura única vén derivada de que "o Goberno é consciente de que a maioría" do persoal "está en contra desta lei" e así o amosan "as mobilizacións", di. Fronte a isto, lamenta, a Xunta actúa "de maneira prepotente e sen consideración ás persoas afectadas". "Ao final -advirte- a lei terá tamén un impacto na prestación dos servizos públicos, porque por tras destas medidas trátase de consolidar un modelo de relacións laborais" máis precario que, ademais, "rebaixa o poder adquisitivo" dos afectados e, polo tanto, afecta ao conxunto da sociedade, conclúe.