O PSdeG suspende de militancia o alcalde de Ourense despois de que este se negara a dimitir

Francisco Rodríguez © Concello de Ourense

Pasadas as once da noite a dirección do PSdeG anunciaba publicamente que procederá á suspensión cautelar de militancia de Francisco Rodríguez e tamén do ex presidente da Confederación Hidrográfica de Miño-Sil, Francisco Fernández-Liñares, que este luns foi enviado a prisión pola xuiza Pilar de Lara. Os socialistas intentaron durante todo o día que Francisco Rodríguez abandonase o cargo e mesmo desprazaron a Ourense a Antonio Henando e Gaspar Zarrías, da executiva federal do PSOE, que xunto do secretario de organización Pablo García, parece que nun primeiro momento conseguiran convencer o rexedor. Parecía o final dun longo dia no que xa pola mañá Alfredo Pérez Rubalcaba anticipara que o partido ía tomar "decisións", algo que tamén foi repetido por Pachi Vázquez en varias ocasións.

A primeira reacción do aínda alcalde foi criticar "a falta de democracia interna" e poñer o cargo a disposición da agrupación local do partido, que el controla

Porén, Francisco Rodríguez retractouse desa primeira decisión e sobre as nove da noite facía público que non ía dimitir e ratificaba nun comunicado que recorrerá o auto de imputación por "falta de rigor xurídico no proceso". Ese anuncio acelerou os movementos no PSdeG, que tomou a decisión de suspender a Rodríguez. A primeira reacción do aínda alcalde da cidade foi criticar "a falta de democracia interna" e o "estalinismo" e afirmou que poría o cargo a disposición da agrupación local do partido, que el controla. De igual xeito, Xurxo Rodríguez publicou de inmediato no Faceboo que "imos morrer matando porque neste niño de víboras saiu un ratonciño que lles vai custar comer".

Nalgunha entrevista que o rexedor concedeu xusto antes do anuncio de suspensión de militancia, asegurou que xa falara con Pachi Vázquez, ao que lle pedira tempo: "O importante non é que me vaia hoxe ou mañán, só quero facelo ben". E tamén reafirmouse na súa inocencia: "Nunca vin un Rólex, nin recibín cartos, nin favorecín a esa empresa, porque os concursos nos que se presentou non gañou ningún" e confesou que "estou fastidiado de tódolos xeitos: se me vou dirán que algo tiña que ocultar; e se quedo, que me agarro ó poder".

O BNG xa advertiu que sairá do Goberno se o alcalde non renuncia e posiblemente os seus tres concelleiros non asistirán á xunta de portavoces do xoves

En calquera caso, dentro ou fóra do PSdeG-PSOE, o futuro de Rodríguez á fronte da alcaldía é incerto. O BNG xa advertiu que sairá do Goberno se o alcalde non renuncia e posiblemente os seus tres concelleiros non asistirán á xunta de portavoces do xoves. Ademais, asegúrase que catro dos dez concelleiros socialistas tampouco apoian o alcalde. Tamén o PP pediu a dimisión inmediata de Francisco Rodríguez pero non aclararon se impulsarán unha moción de censura.

Adolfo Gacio seguirá sendo un cargo público do PP a pesar das acusacións de suborno e prevaricación que existen contra el

O PP, pola súa banda, resolveu o caso do alcalde de Boqueixón, tamén imputado, doutra maneira. Adolfo Gacio seguirá sendo un cargo público do PP a pesar das acusacións de suborno e prevaricación que existen contra el. Despois de horas de reunión con Carlos Negreira, Gacio aceptou deixar a alcaldía pero coa condición de continuar como concelleiro.

Francisco Rodríguez © Concello de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.