A dirección do PSdeG procura a marcha do alcalde de Ourense, que xa non conta co BNG

Francisco Rodríguez © Concello de Ourense

A vaga expansiva provocada no ámbito político pola denominada operación Pokemon segue concentrada en Ourense pero impregna o conxunto da precampaña electoral galega e nela segue a primar un nome propio, o do aínda alcalde socialista de Ourense, Francisco Rodríguez. Despois de que a xuíza instrutora do caso, Pilar de Lara, lle imputase ao rexedor presuntos delitos de suborno e prevaricación e este saíse en liberdade baixo fianza, a suspensión de militancia decidida pola dirección nacional do PSdeG converteu o futuro político máis inmediato de Rodríguez nun túnel que rematou por escurecer este martes, cando o BNG ratificaba a súa intención de abandonar o goberno da cidade se o alcalde non abandona o seu posto.

"Como era o noso deber, esiximos a dimisión do alcalde de Ourense", resumía ante a prensa o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez. "Como non se produciu" os nacionalistas non continuarán dándolle soporte ao alcalde. "Entendemos que neste contexto o BNG e os seus concelleiros non poden formar parte do grupo de goberno", explicou nun comunicado o grupo municipal a través da súa voceira e ata agora tenente de alcalde, Isabel Pérez. A formación frontista "garantirá a gobernabilidade" do municipio ata a vindeira xunta de goberno local. Se tras esa xuntanza Rodríguez teima en continuar retiraranlle o apoio e o pleno municipal quedará nunha complexísima situación, cun alcalde apoiado por 11 dos 27 concelleiros. Na oposición quedarían, ademais do BNG -3 edís-, o PP -11 edís- e o partido Democracia Ourensana, que con dous representantes podería ser a chave para un eventual goberno conservador.

Pachi Vázquez: "Na vida pública hai algo máis ca inocencia"

Pachi Vázquez: "A imaxe dun partido e dunha cidade non pode ter a máis mínima dúbida"

Mentres isto sucede en Ourense, dende a dirección do PSdeG téntase tamén empurrar a Rodríguez cara á saída do poder. Despois de determinar a súa suspensión de militancia -tamén a de Francisco Fernández Liñares, ex concelleiro en Lugo detido e encarcerado na mesma operación- o secretario xeral dos socialistas e candidato á Xunta, Pachi Vázquez, fixo especial fincapé na "contundencia" que, di, caracterizou á formación dende o inicio deste caso. "Ata que haxa unha sentenza todo o mundo é inocente", di o socialista, se ben "cando estás na vida pública, hai algo máis ca inocencia". "Temos que ter claro o que representamos" e, en situacións "excepcionais" como ao de Francisco Rodríguez, en "liberdade baixo fianza", non caben "decisións de carácter persoal", di.

"Eu non teño a máis mínima dúbida do que estou facendo e do que teño que facer", abonda Vázquez, quen considera que "ás veces na vida hai que tomar decisións dolorosas" en aras da "transparencia da política". "Ningún tipo de dúbidas para tomar estas decisións", afirma, xa que os dirixentes "individualmente somos absolutamente conxunturais, pero a imaxe dun partido e dunha cidade non pode ter a máis mínima dúbida", "tolerancia cero" explica. Neste contexto a posición da dirección galega do PSdeG contrasta coa dos socialistas na cidade ourensá, onde o cargo está á disposición da executiva local, formada esencialmente por persoas partidarias do alcalde.

Gacio deixa a alcaldía de Boqueixón, pero non o concello

Gacio marcha para non "ocasionar prexuízos" ao PP ante as "inminentes" eleccións do 21-O

Quen xa decidiu o seu futuro co beneplácito da dirección do seu partido é o outro alcalde detido na operación, o de Boqueixón. Adolfo Gacio (PP) abandona a alcaldía pero non fai o propio coa corporación municipal, na que seguirá como edil. Nun comunicado lido ante os medios o conservador defendeu a súa "inocencia" e xustifica o seu cesamento na "transcendencia mediática desta situación" que, afirma, pode "ocasionar graves prexuízos" ao PP ante as "inminentes" eleccións. Así e todo, Gacio defende a "legalidade" de "todas e cada unha das contratacións administrativas do Concello de Boqueixón", onde permanecerá como concelleiro porque "non é oportuno nin adecuado" que un proceso xudicial "substitúa a vontade dos veciños, expresada nas urnas", mantén.

Mentres a dirección do PP, a comezar por Alberto Núñez Feijóo, considera o movemento de Gacio como unha mostra do "código ético" do partido, nin PSdeG nin BNG ven dabondo a retirada parcial do alcalde. Nesta liña o socialista José Luis Méndez Romeu lamenta que o xefe de filas dos conservadores permita que o alcalde "deixe a alcaldía" pero "siga sendo oncelleiro do PP e gobernando na sombra para fiscalizar o seu sucesor". Para o nacionalista Guillerme Vázquez neste caso o PP está a realizar un exercicio de "cinismo de dimensións incalculables", favorecendo que "siga sendo alcalde ao tempo que non o é".

Francisco Rodríguez © Concello de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.