PSdeG e BNG comprométense a rematar coa "especulación" e o "desprezo" no agro

Pachi Vázquez, na vendima da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA PSdeG

Ao longo dos tres anos e medio da oitava lexislatura autonómica non foron poucas as ocasións nas que, dende diferentes ámbitos, se apelou a PSdeG e BNG a apostaren pola unidade de acción en determinados temas de país, especialmente en entornos como o Parlamento. Nos últimos meses socialistas e nacionalistas puxeron sobre a mesa certos xestos de unidade de acción, xa sexa fisicamente xuntos ou, por separado, introducindo elementos comúns na axenda política galega. Este martes, xa en plena precampaña, ambas formacións políticas volveron coincidir, neste caso á hora de achegárense ao sector agrario e gandeiro. Nas súas respectivas sedes dirixentes socialistas e nacionalistas recibiron a organizacións agrarias para comprometer que, de chegaren á Xunta, uns e outros apostarán por poñerlle fin á "especulación" e ao "desprezo" polo medio rural que, din, caracterizou o mandato de Alberto Núñez Feijóo.

Pola sede socialista pasaron representantes das tres organizacións agrarias maioritarias: o Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores. Tras reunirse cos tres sindicatos o candidato socialista á Presidencia, Pachi Vázquez, amosouse satisfeito. "Foi doado entendernos", di, xa que, con independencia de ópticas concretas, o PSdeG e as organizacións agrarias comparten obxectivos comúns e por iso, afirma, está xa en condicións de asumir compromisos concretos, tales como exercer presión dende a Xunta para que o leite deixe ser un "produto reclamo" ou un "elemento especulativo" nas grandes superficies comerciais. "Hai prácticas ilegais abusivas neste sector que provocan un claro prexuízo aos agricultores e gandeiros", constata Vázquez, nun contexto no que, de chegar ao Goberno, di, "non fará a vista gorda".

"Quen non paga, non cobra da Xunta", promete Pachi Vázquez

Nesta mesma liña o líder do PSdeG pon o foco nas empresas que procesan e distribúen os produtos do agro para expoñer a que será a "norma sagrada" no ámbito rural "se teño a responsabilidade de gobernar este país": "Ningunha empresa recibirá subvencións se non está ao día no pagamento aos produtores". Na actualidade, exemplifica, "hai empresas que reciben subvencións do Goberno galego" en sectores como o vitivinícola "e que aínda non lles pagaron as uvas do ano pasado aos seus agricultores". "O mesmo -constata- pasa cos produtores de leite". Por iso, se hai mudanza no Executivo galego, resume, "quen non paga, non cobra da Xunta".

Guillerme Vázquez: "O BNG xa se comprometeu co rural cando estivo no Goberno"

Guillerme Vázquez: "Deixando esmorecer sectores nos que somos competitivas é imposíbel crear emprego"

A xuntanza do BNG foi con representantes da Federación Rural Galega (Fruga), cuxo presidente, Xurxo Álvarez, sinalou a "fluída" relación que mantén a súa organización co Bloque. "Co Goberno do PP o desprezo" cara ao rural "é escandaloso", asegura Álvarez, nunha liña que tamén recolle o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez. "Fronte ao desprezo e desleixo de Feijóo, o BNG comprometeuse co medio rural cando estaba no Goberno da Xunta -lembra o líder nacionalista- e volverao facer no futuro". A xuízo de Vázquez, Feijóo optou por "entregarlle o rural ás multinacionais", pero aínda non "explicou por que en Galiza se pagan os prezos do leite aos produtores máis baixos do Estado". "Algo terá que ver a súa decisión de abandonar o sector", di.

A xuízo de Guillerme Vázquez "para poñerlle remedio a esta situación" cómpre "facer xustamente o contrario do que está a facer o PP", isto é, "actuar e ter un goberno que crea no sector agrogandeiro", con "apoio político" para convertelo en "estratéxico". Os conservadores están a apelar a "crear emprego" pero "o emprego non se crea no aire", senón con "bases produtivas" e, "en Galiza, deixando esmorecer sectores nos que somos competitivas é imposíbel crear emprego", conclúe.

Pachi Vázquez, na vendima da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA PSdeG
Guillerme Vázquez, tras a xuntanza coa Fruga CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.