"Preferiría non ter que ir a Madrid e que os problemas de Galiza se solventasen no país"

Rosana Pérez, próxima deputada do BNG no Congreso © BNG

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, presentará este mércores a súa renuncia como deputado no Congreso para poder centrarse así na carreira cara aos comicios autonómicos do 21 de outubro. O seu posto será ocupado por Rosana Pérez, até o de agora concelleira e portavoz do BNG na Pobra e membro da Executiva do Bloque. Na política desde os 17 anos, afronta o reto "con moita ilusión e moitísima responsabilidade" e coa idea de seguir o camiño que marcaron os seus predecesores nacionalistas no Congreso, poñendo todos os problemas do país enriba da mesa, malia que recoñece que "toda a vida política e social está tinguida polo monotema da crise". Nos vindeiros días, decidirase se é ela ou Olaia Fernández Davila a voceira da fronte nacionalista en Madrid.

Como afronta este novo reto na súa carreira política?

Afróntoa con moita ilusión, pero sobre todo con moitísima responsabilidade, cunha responsabilidade enorme. e tamén, tendo en conta o bo traballo que teñen feito os meus precursores, desde Olaia Fernández Davila até Francisco Jorquera, pasando por todos os demais que representaron o BNG no Congreso dos Deputados.

"Francisco Jorquera deixa o listón moi alto; é louvado dentro do Congreso, pero tamén fóra polo seu rigor e coherencia"

Francisco Jorquera é un deputado moi recoñecido entre os parlamentarios do Congreso, déixalle o listón alto?

Deixa o listón alto, moi alto. Por iso afronto con respecto unha responsabilidade, tendo en conta que é un salto cuantitativo e que tendo presente tamén todo o feito polos meus compañeiros. Francisco Jorquera non é só un político e persoa louvado dentro do Congreso, senón tamén fóra polos compañeiros que sabemos do seu rigor, da súa seriedade e da súa coherencia.

Sexa quen for a voceira, o BNG terá como portavoz no Congreso por primeira vez unha muller.

Afortunadamente, as mulleres imos situándonos nos sitios que desde sempre nos corresponderían. Agora vaise dar esa circunstancia e eu alégrome de que así ocorra.

Nun Congreso con maioría absoluta, nunha terrible crise económica, con recortes e axustes... As cousas non semellan fáciles para deixarse oír.

No noso caso, cun grupo mixto ben numeroso nesta lexislatura, as cousas, obviamente, non nos son fáciles. A miña intención é seguir os pasos que se levaban até o de agora por parte do BNG, é dicir, poñer enriba da mesa os problemas do país unha e outra vez e tantas veces como sexa necesario para que se teñan en consideración ou se lles queira dar solución.

"É difícil levar a un primeiro plano outros temas porque toda a vida política e social está tinguida polo monotema que é a crise"

A crise económica leva por diante moitas outras reivindicacións, como o AVE, por exemplo, que semella esquecido no Congreso cando hai só uns meses era un tema recorrente...

É verdade que é difícil levar a un primeiro plano outros temas porque toda a vida política e social está tinguida polo monotema que é a crise. Da crise deriváronse outras cuesitóns como poden ser problemas de financiamento ou como o propio AVE galego. Pero imos seguir insistitndo noutros temas bandeira do BNG, como a mellora dos camiños de ferro dentro do país, que foron unha reivindicación histórica no Bloque. Insistiremos, aínda que os problemas derivados da crise son fundamentais. Moi proximamente, por exemplo, é probable que teñamos que asistir a outro rescate e isto cobrará relevancia, sen quitarlle importancia a outras cuestións claves para o país.

Manterá o BNG a mesma estratexia de alianzas cos grupos minoritarios? Esixe a crise a unidade de acción con outros grupos de esquerdas?

Seguimos a mesma liña marcada, pero no BNG temos a nosa propia postura en todos os temas. Levamos nesta lexislatura poñendo enriba da mesa a improtancia que para Galiza teñen recortes brutais que se están a producir en sanidade, no ensino ou as que se presumen nas pensións. E seguiremos insistindo e procurando facer todo o que estea na nosa man para evitar as terribles consecuencias que traen estes axustes.

Tamén terá que preparar numerosos debates sobre independentismo, soberanía e maior poder competencial...

Con claridade no BNG fomos, por dicilo claramente, os únicos que no noso país plantexamos que, e agora máis que nunca, sen soberanía política e fiscal, Galiza ten moi difícil sobrevivir coas políticas que se levan a cabo desde Madrid e Bruxelas. Estamos nunha situación de emerxencia nacional que require un cambio de políticas. En Galiza non imos ter unha liberdade plena ata que teñamos unha liberdade fiscal, unha Axencia Tributaria propia, unhas competencias fiscais propias e desde logo unha soberanía fiscal.

"En Galiza non teremos liberdade plena até que non teñamos soberanía fiscal"

Este é o cargo que asume con máis responsabilidade?

Todos os cargos teñen a súa responsabilidade, aínda que logo un vai adquirindo coñecementos grazas á dinámica diaria. Tiven responsabilidades importantes, como na Deputación, pero é certo que o paso ao Congreso representa un salto cualitativo.

Como leva o feito de ter que desprazarse tan a miúdo?

Eu preferiría desde logo que os deputados galegos non tiveramos que ir a Madrid, que déramos solventado todos os nosos debates políticos e cuestións en Santiago, no noso país, pero xa de ter que ir, o dos desprazamentos vai ser o de menos porque xa o teño asumido. Preocuúpame máis o traballo que teño que levar a cabo que o tema de ir e vir porque, aínda que non é cómodo, é unha faceta do cargo que teño asumida.

Rosana Pérez, próxima deputada do BNG no Congreso © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.