O BNG de Ourense propiciará o cesamento do seu edil detido se é imputado

Isabel Pérez, voceira do BNG de Ourense, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA BNG

A denominada operación Pokemon segue a ser unha treboada política que semella coller cada vez máis intensidade a menos dun mes das eleccións do 21 de outubro. O BNG de Ourense saíu na mañá deste mércores ao paso da detención do seu concelleiro Fernando Varela, actual responsable de Deportes no consistorio ourensán e que no pasado mandato estivera á fronte da área de Seguridade e Policía Local. Á espera de coñecer "cando se vai producir a declaración" ante a xuíza de Lugo que instrúe o caso, Pilar de Lara, así como de saber "as causas da detención", o Bloque avanza que "manterá a mesma liña de coherencia que vén practicando dende sempre", tamén cando esta situación "lle afecta a un membro da nosa organización". Así, avanzan, no caso de que se "produza unha imputación, defendemos o abandono das responsabilidades institucionais e estamos seguros de que el mesmo tomaría esta decisión", sinalan.

"Manteremos a liña de coherencia que vimos practicando", advirte o BNG

Con todo, e á espera de obter máis datos os nacionalistas explican que a súa postura implica tamén "reservas" sobre o "procedemento xudicial" de detención con incomunicación, "por consideralo desproporcionado e pouco respectuoso cos dereitos das persoas". Do mesmo xeito, "no ámbito persoal" a formación frontista amósase "certa" da "inocencia do noso compañeiro" a cal, din, "ficará de manifesto ao longo deste proceso".

Rodríguez, alcalde cando menos ata o xoves

Mentres isto acontece o aínda alcalde ourensán, o socialista Francisco Rodríguez, seguirá no seu cargo cando menos ata o xoves. Malia á presión que chega dende as direccións nacional e federal do partido para que dimita e aínda que ten suspendida a militancia Rodríguez asume o mandato da Executiva local do PSdeG en Ourense, que na noite do mércores avalou a súa continuidade. A dirección ourensá confronta así co criterio do secretario xeral e candidato á Xunta, Pachi Vázquez, que considera necesaria a marcha de Rodríguez non só por estar imputado por delitos de suborno e prevaricación, senón tamén e sobre todo por estar "en liberdade baixo fianza".

Así as cousas, e mentres a dirección provincial do PSdeG se aliña coas teses de Vázquez, Francisco Rodríguez fía a súa continuidade ao apoio ou non da asemblea local da formación, que reunirá a toda a militancia da cidade o vindeiro xoves. Pase o que pase nesa asemblea o futuro político de Rodríguez na alcaldía antóllase complicado, xa que o BNG xa avanzou que non continuará no goberno local se o alcalde permanece nel.

Isabel Pérez, voceira do BNG de Ourense, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.