0 Gardados para despois

A Xunta xustifica o concurso de anécdotas do Sergas: "a risa dá a vida"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"A risa dá a vida". É a explicación que a Consellería de Sanidade lle vén de ofrecer á vicevoceira parlamentaria do BNG, Ana Luisa Bouza, que cuestionara ao Goberno galego por celebrar, tal e como revelou Praza Pública, un concurso de anécdotas para celebrar o vixésimo aniversario do Sergas. A través dunha resposta parlamentaria escrita, o departamento que dirixe Rocío Mosquera admite a organización do concurso. A súa intención, asegura, non era outra que "recoller, xunto coa Memoria Asistencial" do Servizo Galego de Saúde, "o sorriso dos que, día tras días, enfróntanse (sic) á dor da enfermidade e ao proceso de curar". Porque rir, engade, é "un exercicio tonificante".

Se cadra seguindo o ton do propio concurso, a Consellería abonda na súa resposta á parlamentaria nacionalista explicándolle que "manter o humor no traballo, sen faltar ao respecto ou aos dereitos á intimidade das persoas, redunda nun ambiente positivo no entorno laboral". Do mesmo xeito, o documento remitido ao Parlamento permítese unha licenza antropolóxica, lembrándolle a Bouza que "a ironía e a retranca son características da sabedoría do pobo galego". "Esta iniciativa non tivo ningún custo económico".

Un concurso "ético" e "multimedia"

Ademais desta contestación, a resposta parlamentaria inclúe tamén, a xeito de anexo, as bases do propio concurso, as cales permiten coñecer todas as características dun certame que, tal e como detallou este xornal, serviu para que na intranet do Sergas se relatasen "anécdotas" que, entre outros aspectos, ridiculizaban algúns doentes por non coñecer terminoloxías clínicas ou, simplemente, por expresárense en galego. Segundo estas bases, a intención que se perseguía era "poder dispoñer dun fondo documental humano e simpático de historias acaecidas nestes anos e vividas polos profesionais sanitarios". Tratábase "de que non se perda a riqueza humana que seguro se produciu ao longo destes anos".

Sobre estas regras básicas, o persoal da sanidade pública podería achegar "anécdotas" diversas, relacionadas "coa asistencia sanitaria", "coa comunicación e as relacións humanas" entre profesionais ou destes cos pacientes, coa "vida cotiá dos centros" ou "coa vida académica". Estes relatos, sinala o documento, debían ser subidas á rede informática interna do Sergas, onde ademais poderían ser votadas.

Pero non só o texto tiña cabida no peculiar certame. As anécdotas, "orixinais e inéditas", puideron internarse nos vieiros multimedia con imaxes, videos e sons, "preferiblemente en formato mp3". Todo o material "aceptado" pasará a formar parte "dun fondo vídeo-documental, que recollerá todas as seleccionadas e que pasarán a formar parte da memoria dos vinte anos de existencia do Sergas".

Malia ao denunciado por múltiples profesionais sanitarios que, tal e como ten relatado Praza, consideraron o concurso un exercicio de "dubidoso gusto" e "falta de respecto", as bases do concurso incluían tamén un "código ético". "Terase en conta que as anécdotas e os seus adxuntos non incorran en falsas ao dereito á intimidade e á confidencialidade", resolvía a convocatoria.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.