A dirección do BNG empraza a Noriega a deixar a acta de edil "nunha semana"

Martiño Noriega, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Concello de Teo

O "prazo prudencial dunha semana" para que renuncie á súa acta e "tome posesión a seguinte persoa da lista que mantén a súa adhesión ao BNG". É a indicación que a secretaria de organización do BNG, Montse Prado, lle vén de remitir ao alcalde de Teo, Martiño Noriega. A través dunha carta dirixida ao tamén vicevoceiro do Encontro Irmandiño, a dirixente nacionalista advirte a Noriega de, en aplicación do "acordo aprobado o día 20 de febreiro de 2010" na Executiva Nacional da formación frontista, debe entregar a acta "de maneira inmediata", xa que ocupa un escano por ter sido membro "dunha candidatura do BNG".

Neste contexto, Prado advirte de que, "en caso de non proceder á renuncia", o BNG porase en contacto co Concello de Teo e con "todos os organismos e institucións nos que estiveses presente en calidade do Grupo Municipal do BNG" para comunicar o "abandono" e, por conseguinte, "a abdicación de toda representatividade desta formación política". Ao tempo, a propia carta sinala que a dirección frontista "instará" o Concello teense a "que adopte as medidas pertinentes para adecuar os dereitos políticos ou económicos que se deriven" de pertencer ao grupo municipal nacionalista.

Tras a recepción desta carta, que "non sorprendeu" no entorno de Martiño Noriega, fontes do Encontro Irmandiño consultadas por Praza Pública valoran que o BNG aposta por aplicar medidas "exemplares" en Teo, a xeito de mensaxe dirixida "aos demais concellos" nos que algún edil poida optar pola baixa. Non obstante, os 'irmandiños' aseguran que manteñen a vontade de procurar a "unidade de acción" tanto no na corporación teense, na que seis edís manteñen o apoio ao alcalde, lembran, como en calquera outro caso. Do mesmo xeito, as mesmas fontes "dubidan" de que o emprazamento a entregar as actas nunha semana "se chegase a votar na Executiva Nacional".

Noriega e varios edís teenses, no salón de plenos do Concello CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.