Beiras: "Na Moncloa están os ventrílocuos dos ladróns da banca"

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

O portavoz nacional de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, participou esta tarde nun mitin en Bergondo acompañado polo número 3 da lista pola provincia da Coruña, Antón Sánchez.

Beiras salientou a necesidade de implicar a cidadanía: “ten que haber unha rebelión cívica que faga que a xente volva a exercer a soberanía política” explicou e engadiu que “hai que fomentar a reactivación dos movementos cívicos” e que “a cidadanía desencatada é clave para derrotar a barbarie do poder que está na Xunta”. Tanto Beiras como Antón Sánchez fixeron fincapé en que a Alternativa Galega de Esquerda vai ser “a clave da derrota de Feijoo. Somos o voto máis útil. Sempre estivemos coa xente da que formamos parte. Ese é o noso compromiso”, destacou Beiras.

Beiras: "Somos o voto máis útil. Sempre estivemos coa xente da que formamos parte. Ese é o noso compromiso”

Beiras situou a sanidade pública e educación como prioridades irrenunciables para Alternativa Galega de Esquerda: “Hai que dar unha virada de 180º e priorizar os servizos básicos”, afirmou. O portavoz nacional de Alternativa Galega de Esquerda denunciou a situación actual na que “tómanse as decisión en instancias que ninguén elixiu, chuchando os cartos dos nosos impostos”. E concluiu: “Na Moncloa están os ventrílocuos dos ladróns da banca. Estamos nun protectorado. Os auténticos ladróns están instalados na gran banca e nas antigas caixas galegas”.

Imaxe do acto CC-BY-NC AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.