O PP rexeita que Feijóo compareza no Parlamento en campaña, como lle pediu a Touriño

Deputados da oposición, nunha Deputación Permanente CC-BY-SA Merixo

"É ineludible e inaprazable que dea a cara". O 23 de xaneiro de 2009 o daquela portavoz parlamentario do PP e actual alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, expresábase nestes termos para xustificar a necesidade dunha convocatoria da Deputación Permanente do Parlamento, o órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles ou cando a Cámara está disolta, caso por exemplo do tempo que media entre a convocatoria dunhas eleccións e a celebración das mesmas. Os conservadores reclamaban a xuntanza para esixir dúas comparecencias de quen era presidente da Xunta, o socialista Emilio Pérez Touriño: sobre o concurso eólico que promovía a Consellería de Industria, por ser un "fiasco" e tamén sobre o temporal que sufrira Galicia unha semana antes, "porque non se alertou os veciños". "Pola súa dignidade, pola de Galicia e pola do seu grupo, debería vir explicarse", enfatizaba o popular.

En 2009 os conservadores consideraban "inaprazable" que, "por dignidade", Touriño comparecese en campaña

Tras esa solicitude previa, o 30 de xaneiro do mesmo ano ou, o que é o mesmo, a pouco máis de dúas semanas do comezo da campaña electoral das autonómicas, producíase a reunión da Deputación Permanente. Ruiz Rivas volvía defender nela a conveniencia de que Touriño comparecese en campaña, porque o período electoral non debera ser impedimento para a "transparencia" do Goberno, argumentaba. Pero os votos de PSdeG e BNG vetaron a iniciativa. O daquela voceiro socialista, Ismael Rego, enmarcaba na dinámica electoral a petición do PP e esixía "respecto" para o Parlamento, que "non está ao servizo da estratexia partidaria do Partido Popular". Nun sentido semellante, o nacionalista Carlos Aymerich defendía a xestión da Xunta en ambos ámbitos e instaba ironicamente o PP a prestarlle máis atención a Galicia e menos "a xogar aos espías cos seus amiguiños de Madrid -daquela estaba de plena actualidade a suposta trama de espionaxe no Goberno da Comunidad de Madrid-.

Case catro anos despois, a historia repetiuse. Este martes reuniuse a Deputación Permanente, neste caso a petición do PSdeG. Sobre a mesa estaban, como en 2009, varias solicitudes de comparecencia do presidente da Xunta, neste caso sobre o conflito das preferentes, sobre o futuro de Alcoa e, sobre todo, sobre os supostos contratos da petroleira Pemex con estaleiros galegos, que o presidente e candidato á reelección asegurou "non ter ningún problema" en amosar. O voceiro socialista, Abel Losada, insistiu na conveniencia de que Alberto Núñez Feijóo acoda á Cámara e a nacionalista Ana Pontón concordou. Pero desta volta o veto estivo pola banda popular. O conservador Pedro Puy non considera oportuno que o presidente compareza ante os deputados e deputadas en plena campaña electoral. "Xa non lles toca falar aos representantes, senón aos representados", resume. En tres días, comeza a carreira cara ás urnas.

 

Deputados da oposición, nunha Deputación Permanente CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.