0 Gardados para despois

Feijóo presume de que as autonomías se sitúan "coma un só home" detrás de Rajoy

Redacción | @prazapublica

Ao que solicitaron todas as comunidades presididas polo PSOE desde hai meses, uníronse tamén este martes as do PP. Todas elas reclamaban ao Executivo central que se relaxase o cumprimento do déficit, ao igual que Bruxelas deu marxe ao Goberno central. Así, Rajoy atendeu ás peticións e aceptou revisar o reparto do obxectivo de déficit no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira. Pero esa revisión non será para este ano, senón o ano que vén e de cara a 2014.

Anunciouno o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que cre que España "deu unha boa mensaxe" e que está en contraposición do boicot que as autonomías presididas polo PP adoitaban facer cando gobernaba Zapatero. A xuntanza rematou, ademais, co compromiso de todas e cada unha das autonomías no compromiso de déficit, así como na promesa de analizar, nos prazos que fixa a lei, o sistema de financiaciamento autonómica. O xefe do Executivo amosouse satisfeito e aproveitou para negar rotundamente que o Estado fose pedir de forma inmediata un segundo rescate, tal e como aseguraron a Reuters varias fontes europeas. O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, destacou a unidade autonómica "nun compromiso común que é España".

Malia que se agardaba unha postura común da maioría dos presidentes autonómicos contra o catalán Artur Mas, nin tan sequera iso se produciu. O president da Generalitat abandonou a reunión sen facer declaracións e apraza a súa valoración para este mércores en Barcelona.

Non o fixo así Núñez Feijóo, presidente da Xunta, que considera que o resultado da Conferencia demostra que as autonomías comportáronse "como un só home" detrás de Mariano Rajoy, malia que recoñeceu diversos "matices e perpectivas". O xefe do Executivo galego cre que se vén de enviar "unha mensaxe moi clara de compromiso" respecto do déficit. "Todas as comunidades comprometímonos co cumprimento do deber e da responsabilidade", dixo, tras advertir de que o Estado das autonomías "debe ser útil para saír da crise".

"Traballamos nun compromiso común co que é común, España, e as obrigas comúns, os cidadáns", dixo Feijóo, que instou a "corrixir os erros de descontrol e descoordinación que tivemos no pasado". Ademais, explicou que a Conferencia comprometeuse a "reducir duplicidades, levar a cabo políticas de crecemento e creación de emprego", así como unha "reflexión sosegada sobre un novo sistema de financiamento autonómico".

Ademais, Feijóo asegurou que non ía subir impostos, algo que lle permitía a súa loita contra o déficit, e que o seu obxectivo agora é loitar contra a fraude fiscal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Pachi Vázquez: "Feijóo traizoa a Galicia, defende o PP e non a cidadanía galega"

Feijóo "traizoa" a Galicia. É a conclusión que o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, tira da actitude do presidente e aspirante á reelección nos últimos días en relación ao Goberno central. Tanto en relación aos Orzamentos Xerais do Estado como especialmente este martes na Conferencia de Presidentes, Vázquez coida que o líder conservador "engana e traizoa a este país" e, ademais, "renuncia a unha Galicia distinta e competitiva", xa que apoiar as segundas contas públicas de Mariano Rajoy é sinónimo de facer o propio cun "recorte das pensións, un alongamento do período de cotizacións e unha política que renega da creación de emprego", augura.

No marco dunha visita ás Pontes, onde visitou a lagoa creada sobre o antigo xacemento mineiro antes de manter unha xuntanza con empresarios, o candidato socialista amosouse convencido de que a "decisión" a tomar nas eleccións do 21 de outubro está intimamente ligada co apoio do actual presidente ao Goberno central. "Cando decidamos quen goberna este país, cada apoio a Feijóo e Rajoy é un apoio contra as pensións, contra a sanidade e a educación dos galegos". Pola contra, afirma, "cada apoio ao PSdeG é un apoio para o futuro, o crecemento e o emprendemento".

Neste sentido Pachi Vázquez lamenta tamén que Feijóo non sexa quen de traer de Madrid máis fondos dedicados ao emprendemento, materia que, afirma, perdeu "un 58%" en Galicia dende o retorno do PP á Xunta. Nesta situación tampouco axuda o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Industria, di. Ao seu xuízo, este organismo "de pouco vale cando financia un crédito que nunca chega". No seu lugar, propón, os socialistas apostan por crear un instituto de crédito e finanzas que apoie as pequenas empresas.

Guillerme Vázquez: "Feijóo foi lucir 'palmito', non defender a Galiza"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, botou este martes man da retranca para valorar a participación de Alberto Núñez Feijóo na Conferencia de Presidentes, unha xuntanza "precedida de actitudes molestas e críticas por parte de presidentes pepeiros de Valencia, Balears e Aragón" mentres "Feijóo se amosou compracente e conforme co orzamento para Galiza". Esta, di o líder nacionalista, é unha actitude que amosa ás claras que Feijóo acode a citas como a conferencia "a pasear e lucir palmito" pero "non a defender os intereses de Galiza". "Temos un presidente olímpico, porque pasa olimpicamente de todo", ilustra.

No marco dun coloquio coa veciñanza do Burgo, nas proximidades da Coruña, Guillerme Vázquez amosouse convencido de que ao líder conservador "lle dá igual" que "se reduzan en case 400 millóns de euros as partidas para o territorio galego", "como lle deben dar igual as cifras do paro", xa que, pregúntase, "que fixo por reducir as altas taxas de paro de Galiza? Ás vistas dos resultados está claro, non fixo nada", di. Neste contexto enmarca o nacionalista que Feijóo "nos intentase colar unha co dos contratos de Pemex, que parecía que remataba con todo o paro o do sector naval" pero "resulta que era todo fume", conclúe.