Compromiso pon a remollo o 'contrato' de Feijóo

Bascuas, mergullando o contrato de Feijóo CC-BY-SA CxG

O Contrato con Galicia, os catorce compromisos que Alberto Núñez Feijóo asinou nunha terraza do Hostal dos Reis Católicos con vistas á residencia oficial de Monte Pío convertiuse nunha das imaxes da campaña electoral de 2009 e tamén nun dos argumentos máis habituais das forzas da oposición ao longo da lexislatura. Como fixera Feijóo daquela, o candidato dunha das forzas que se estrean nesta carreira electoral, Compromiso por Galicia, acudiu á mesma terraza. Xoán Bascuas fíxoo co mesmo contrato, pero para "escenificar o incumprimento" que, ao seu xuízo, se produciu de cada un dos puntos do prometido polo conservador.

"Feijóo ocupa esa vivenda en fraude de lei", di Bascuas, en referencia a Monte Pío

Introducindo fisicamente unha copia do Contrato nunha baldeta con auga o aspirante da formación galeguista quixo amosar a que para el é "a realidade", que Feijóo "incumpriu flagrantemente cada un" dos puntos do contato" e, polo tanto, "ocupa esa vivenda que está alí ao fondo -en referencia a Monte Pío- en fraude de lei". O actual presidente, lembra, comprometeuse a "resolver o desemprego e só provocou que o paro subise por riba da media do Estado", a "austeridade converteuse nunha coartada para recortar dereitos" ou o "compromiso coa sanidade" tornouse "nun recorte constante", exemplifica.

Tras repasar as promesas de Feijóo, Bascuas amosou os "compromisos" da súa formación política os cales, asegura, non serán "papel mollado". "Compromiso non fai promesas que non poida cumprir, contrae compromisos directamente coa cidadanía" en materias como "austeridade", coa "supresión das deputacións, o que suporía un ingreso de 600 millóns para as arcas galegas". A redución da peaxe da AP-9, o desenvolvemento industrial das provincias do interior ou a "posta en valor dos sectores estratéxicos como o agro" son, explica Bascuas, outros dos "compromisos" que CxG asume para atender os "problemas, as demandas e as inquedanzas do conxunto da cidadanía" e facelo "de xeito real". "Iso hai que facelo en clave de país", subliña.

Bascuas, mergullando o contrato de Feijóo CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.