Jorquera: "Galiza ten que ter a mesma ambición nacional que Euskadi ou Catalunya"

Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta CC-BY-NC-SA BNG

Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) non é un home dado ás estridencias. Tras unha dilatada traxectoria política no nacionalismo que se remonta aos tempos de ERGA afronta por primeira vez a candidatura do BNG á Presidencia da Xunta. Faino, recoñece, despois de que o Bloque atravesase un proceso "conflitivo", se ben ve a organización "totalmente cohesionada" e con forza dabondo para participar nun Goberno galego de "cambio profundo". Mentres, substitúe os quilómetros que percorreu durante anos para ir e vir ao Congreso dos Deputados por unha intensísima axenda de actos por todo o país: "unha forza transformadora ten que predicar co exemplo e ter unha permanente interlocución coa cidadanía", di. 

Que tal levou a precampaña, que tal lle senta o 'traxe' de candidato?
No traxe de candidato atópome cómodo porque xa fun candidato do BNG ás eleccións xerais. O BNG está facendo unha precampaña moi intensa, de contacto social, con actos nos que non só explicamos as nosas propostas, senón que tamén escoitamos as preguntas e suxestións cidadás. En Galiza existe un maelstar social maioritario coas políticas do PP, un desexo real de ambio e unha gran receptividade ás nosas propostas. Nós ímonos empeñar en que ese descontento social maioritario se plasme na aposta por un cambio, por políticas alternativas que son as que defende o BNG.

No inicio da carreira electoral falouse en diversas ocasións das dificultades que lle podería ocasionar o seu baixo grao de coñecemento entre a cidadanía. Como o percibe vostede?
Son consciente de que partía dun grao de coñecemento inferior aos candidatos das outras grandes formacións por unha razón lóxica, é a primeira vez que son candidato e persoas que xa xogaron ese papel ou tiveron unha partipación maís activa na política autonómica partían dun grao de coñecemento superior. Pero a axenda tan intensa que o BNG vén desenvolvendo dende a asemblea nacional contribuíu a incrementar o meu grao de coñecemento, percíboo cando paseo pola rúa, con xente que se para falar, que me dá ánimo... 

Na convención nacional do 30 de setembro vostede asegurou que as eleccións están abertas. A ata que punto hai partido?

"O resultado dependerá, en grande medida, de que o voto nacionalista e de esquerdas se concentre no BNG"

Están totalmente abertas. De feito, non estaría a acontecer o que acontece nestas últimas semanas, nas que o PP está a recorrer á guerra sucia, a tentar confundir a sociedade emporcando a campaña, se non fose porque están nerviosos e non as teñen todas consigo, porque poden perder as eleccións. Ademais, todos os datos indican que hai unha porcentaxe moi alta de votantes que aínda non teñen decidida a intención do voto. Están máis abertas ca nunca e en grande medida o resultado vai depender de que se concentre o voto nacionalista e o voto de esquerdas en torno ao BNG. Quero lembrar que en cidades como Santiago tivemos que padecer un alcalde como o señor Conde Roa por 14 votos. Cada voto vai ser decisivo.

Enmarcaría a operación Pokémon nesa guerra sucia?
En parte estoume referindo a iso. Eu quero ser sempre moi respectuoso cos procesos xudiciais, pero a Xustiza ten que ser independente e non pode estar tutelada polo poder político nin ao servizo do goberno de quenda. Nesa operación hai cousas que chaman a atención, como o feito de que en Galiza se converta en norma que, cando hai unha convocatoria electoral, haxa unha operación xudicial en marcha. Chama a atención que, habendo segredo de sumario, leamos informacións do sumario nalgúns xornais. E que se impute a persoas porque en conversas entre dúas persoas, se cita a unha terceira. Chama a atención que unha imputación, que no sistema xudicial español non ten nada que ver cunha inculpación, sexa presentada publicamente como unha presunción de culpabilidade. Todo este tipo de feitos suscitan sospeitas fundadas sobre se por tras de todo isto non se agocha unha intencionalidade política, sobre todo cando vivimos nun país no que ducias de milleiros de pequenos aforradores foron estafados, onde persoas directivas de entidades financeiras se apropiaron delas e as deixaron na ruína, e ante feitos coma este non actúa a Xustiza pero en cada convocatoria electoral, temos operacións espectáculo.

Contribúe isto a que na campaña non se fale de política, senón de se alguén roubou ou non?

"Estase convertendo en norma que, cando hai unha convocatoria electoral, haxa unha operación xudicial en marcha"

Eu creo evidente que unha estratexia no PP é tentar que o desprestixio que provocan as súas políticas se estenda a todas as opcións, tentando cultivar un desprestixio xeral. Ademais, esa campaña de desprestixio da política que impulsa o PP e os seus potentísimos altofalantes mediáticos ten outra intencionalidade: se se desprestixia a política créase o caldo de cultivo para que a sociedade acepte que as decisións que afectan ao seu futuro non se adopten en ámbitos que dependen da súa decisión democrática.

Volvendo ao escenario puramente electoral, con que expectativas concorre o BNG?
O BNG concorre coa expectativa de fortalecer a súa posición política actual. Ese incremento convertería o BNG nun factor decisivo para facer posíbel un cambio de políticas: Galiza necesita un goberno insubmiso cos recortes; a nosa aspiración é ter maior apoio electoral, que nos dote de maior capacidade para determinar a política galega, para que o 21 de outubro non se produza só unha alternancia de goberno, senón que se produza un cambio de rumbo nas políticas públicas.

Vostede afirmou que, se é polo BNG, o PP non gobernará a Xunta despois do 21 de outubro. Iso implicaría, moi probablemente, apoiar dende dentro ou dende fóra un Goberno do PSdeG. Con que condicións?

"No que dependa do BNG non pasará o de Extremadura, onde unha forza de esquerda lle entregou o Goberno ao PP"

Nós temos claras cales son as fronteiras que o BNG non vai traspasar. No que dependa do BNG non vai pasar o que pasou en Extremadura, onde unha forza de esquerdas lle entregou o Goberno ao PP, nin tampouco o de Andalucía, cun goberno seica progresista que despois aplica políticas de recortes de contido antisocial. Dito isto, nós en política distinguimos tempos. Se na composición do Parlamento ningunha forza obtén o apoio suficente para gobernar en solitario, para o BNG o prioritario vai ser un programa claro, que vincule a acción do Goberno no seu conxunto e que marque un cambio de rumbo. Un Goberno con vontade real de enfrontar as políticas de recorte que pretende impor o Goberno central, que aposte pola reactivación económica, a xeración de emprego e a protección dos servizos públicos. E clara vontade de ampliar o autogoberno. O modelo de Estado español está en revisión e, posibelmente, provoque que moitas das actuais comunidades queden reducidas a meras autonomías administrativas. Pero ninguén discute que neste proceso Euskadi e Catalunya van ter un estatus político distinto, alí estanse a configurar maiorías sociais amplísimas que optan por dotar eses países de máis capacidade de decisión. Galiza é unha nación como Euskadi e Catalunya e para o pobo galego non é menos importante ter plena capacidade de decisión sobre os seus asuntos.

Nesa eventual mesa de negociación estarían, polo tanto, o concerto económico ou a banca pública...
Nese escenario hipotético, o BNG o que vai avaliar é se o resultado global nunha negociación porgramática permite avanzar nunha dirección favorable ás maiorías sociais e a reforzar o autogoberno de Galiza. O que será condición determinante é a resultante global, pero dende logo para o BNG aspectos moi importante é a modificación do financiamento autonómico, en ese sentido temos que ter a mesma ambición nacional que Euskadi e Catalunya, defendendo un concerto económico que permita que Galiza poida xestionar de xeito integral os seus recursos. Esa é a ferramenta que nos permitiría blindarnos ante os intentos do Goberno central de ditar recortes. Para nós unha cuestión fundamental é tamén apostar por un banco público galego que asegure que os aforros dos galegos se invistan en Galiza.

Tamén mirando a Euskadi e Catalunya, cabería a posibilidad de reabrir o debate da reforma do Estatuto ou estamos xa nun escenario posterior?

"A vía estatutaria pechouna o Constitucional, hai que revisar o marco constitucional para que o Estado se configure como plurinacional"

A vía estatutaria encargouse de pechala unah alta institución do Estado, o Tribunal Constitucional. Vivimos tempos nos que o que hai que revisar é o marco constitucional e superalo, para que o Estado se configure como un estado plurinacional onde Galiza, Euskadi e Catalunya teñan amplos espazos de libre decisión.

En calquera caso, fálase moito da escasa marxe de manobra que teñen os gobernos autonómicos neste contexto económico. Baixo ao plano do concreto;  que habería que facer, por exemplo, coa Cidade da Cultura?
En primeiro lugar, decretar a paralización definitiva dos edificios que fican por construír. Nós temos claro que nun contexto de crise como no que estamos hai que concentrar todo o aforro no gasto improdutivo para mobilizar todos os recursos a prol do impulso da economía, a xeración de emprego e as políticas sociais. Hai que suspender definitivamente os edificios que faltan, da mesma maneira que hai que facer un estudo de todas as infraestruturas pendentes que dependen da Xunta para establecer unha moratoria á hora de acometer todas as que non sexan urxentes. Da mesma maneira que, dentro da limitada marxe que ten a autonomía, hai que actuar no sistema fiscal para que paguen máis os que máis teñen, que é ademais unha maneira de equilibrar as contas sen tocar os servizos públicos.

Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.