A Xunta gastará 1'2 millóns de euros nunha campaña publicitaria de "promoción de datas de sensibilidade social"

"Cada euro conta". Campaña de fomento da austeridade do Goberno galego © Xunta

A campaña para a “promoción das iniciativas da Xunta de Galicia en materia de identidade, galeguidade e datas de especial sensibilidade social” destinará o groso do seu montante económico (un 820 mil euros) á inserción de publicidade nos medios de comunicación, principalmente nas cabeceiras da prensa escrita (o 60%). As campañas principais consistirán na difusión dos actos institucionais do Goberno galego no 17 de maio e no 25 de xullo, e no contrato prevesen tamén cantidades menores para "cinco campañas menores sobre datas sinaladas e de alcance institucional".

A cantidade que se destina á campaña, presentada en xaneiro, e licitada esta semana, é lixeiramente inferior ao orzamento que o Goberno galego destinará este ano a dotar de fondos ás bibliotecas públicas do país, máis que duplica o custe dos contratos dos invetigadores do Programa Parga Pondal despedidos en decembro e dende logo é moi superior ao "aforro" que a TVG acadou (60 mil euros) ao prescindir dos meteorólogos que antes elaboraban a información do tempo.

O Goberno galego continúa operando en materia de iniciativas propagandísticas e publicitarias sen regular este tipo de contratacións a través dunha Lei de Publicidade Institucional, tal e como prometera o PPdeG na campaña das eleccións autonómicas de 2009. O programa popular aseguraba que "promoveremos a elaboración da Lei de Publicidade Institucional que o bipartito non foi capaz de aprobar". Esta decisión, dicían, remataría coa “inaudita tendencia ao luxo” de PSdeG e BNG, formacións que subtituíran na Xunta a “eficacia” por “ostentosas campañas de publicidade política”.

"Cada euro conta". Campaña de fomento da austeridade do Goberno galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.