0 Gardados para despois

Os Ecogaleguistas botan a andar á procura dunha "esquerda nacional de base ampla"

Redacción | @prazapublica

"Unha nova ferramenta política" no ámbito da "esquerda nacional". É a vocación coa que botará a andar o vindeiro sábado o Espazo Ecogaleguista. Cun acto aberto en Santiago, os promotores desta iniciativa "galega, verde e renovadora" apostan por abrir "un proceso" que culmine dentro de tres meses "nunha nova ferramenta política" que, dende un primeiro momento, din, "non quere ser illada". Un dos seus impulsores, o historiador e ex secretario de organización de Esquerda de Galicia, Xoán Hermida, sinala que, dende un primeiro momento, esa nova forza "non quere ser illada", senón "plural e cooperativa" para lograr "alianzas".

Partindo desa base, ao encontro de Compostela xa confirmaron a súa asistencia representantes do Encontro Irmandiño e Esquerda Nacionalista, integrados no BNG ata hai poucas semanas. Tamén haberá no acto unha representación da Mocidade Nacionalista Galega (MNG), o referente xuvenil de Máis Galiza que aposta por abandonar a formación frontista, se ben non o decidirá ata que a corrente que encabeza Carlos Aymerich tome unha determinación ao respecto.

Desta xuntanza, explica Hermida, sairá unha "xestora" que traballará "no ámbito programático, no das ideas e tamén na estrutura" que pretende "rachar co modelo de partido decimonónico". "A xente non se ata a un proxecto de por vida, non fai vocación de fe", asegura, polo que, no canto de tentar lograr "unha fronte como o BNG, cunha suma de compartimentos estancos e competitivos", o proxecto do Espazo Ecogaleguista, di, será "cooperativo", tanto na composición como na conformación dunha "alianza" na que "nin tan sequera queremos ser hexemónicos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.