0 Gardados para despois

O PP só aceptou unha das 18 leis propostas pola oposición

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha de dezaoito. A piques de cumprirse o terceiro ano de lexislatura e mentres Galicia comeza, aos poucos, a arrecender a período preelectoral, é posible xa realizar un primeiro balance da actividade do Goberno e da oposición cunha certa perspectiva. No que atinxe aos grupos aos que as urnas lle encomendaron o control ao Goberno, PSdeG e BNG, se cadra un dos labores que menos transcende os muros do Pazo do Hórreo é o das propostas de lei. Dende 2009 os socialistas propuxeron seis textos legais para incorporar ao corpo normativo galego e os nacionalistas fixeron o propio con doce. De todas estas, só unha, a Lei de Caixas impulsada polo Bloque, non bateu contra a maioría absoluta dos conservadores.

O primeiro acordo, entre PP e BNG, foi para reformar a Lei de Caixas

Malia ás chamadas ao consenso do comezo da lexislatura, o comportamento parlamentario do Grupo Popular está a ser, neste ámbito, o propio da maior parte de formacións que contan con maioría absoluta. Así, nos primeiros meses do mandato xa rexeitaron as dúas primeiras propostas de lei, ambas procedentes do BNG e encamiñadas a regular as organizacións interprofesionais agroalimentarias e o comercio galego. Habería que agardar a decembro de 2009 para que populares e nacionalistas chegasen a un pacto para reformar a lexislación en materia das caixas de aforro. A intención última daquela norma era impulsar a fusión de Caixa Galicia e Caixanova con parámetros de "solvencia" e "galeguidade". Non obstante, o acordo durou pouco, só ata que a sombra da privatización comezou a planear sobre a entidade resultante, Novacaixagalicia.

Ningunha lei da oposición volvería prosperar tras ese oasis de consenso, tampouco as que apostaban por regular materias para as que despois a Xunta presentaría a súa propia lei. É o caso por exemplo da Lei de Montes, tamén posta sobre a mesa polo BNG -o Goberno galego aprobou o seu propio anteproxecto este xoves-, ou a Lei de Bibliotecas, rexeitada polo PP en febreiro de 2010 e agora en tramitación parlamentaria a instancias do Executivo. O que non prevé regular a Xunta pola vía da lexislación foron as dúas seguintes proposicións de lei defendidas polo Bloque, unha encamiñada a garantir o dereito a usar o galego en todas as Administracións -recollida da iniciativa lexislativa popular de Queremos Galego- e outra coa que a formación apostaba por protexer e potenciar a "onomástica" galega, tanto no caso dos nomes de persoa como no dos topónimos. En ambos casos, os populares argumentaron o seu rexeitamento por observar pretensións nacionalistas nas propostas. Segundo Agustín Baamonde, parlamentario do PPdeG, a intención destas leis non era outra que "lograr a nación monolingüe en galego que ansía o nacionalismo".

Tras estas proposicións do Bloque, en xuño de 2010 chegaba a primeira do PSdeG. Tratábase dunha Lei de Publicidade Institucional que, en esencia, recollía os termos da que o bipartito non chegou a aprobar e tamén abordaba cuestións que o PP levou no seu programa electoral. Preceptos como evitar a propaganda institucional en época de eleccións, limitar os gastos ou garantir que a comunicación da Xunta se realiza en galego tamén foron rexeitadas. Segundo os conservadores, o rexeitamento estaba motivado en que o Goberno xa traballaba no seu propio proxecto de lei, o cal aínda non se materializou, malia consideralo "urxente" tras gañar as eleccións.

Os populares rexeitaron a Lei de Foxas do PSdeG por ser da "Atapuerca política"

A seguinte proposición de lei foi tamén socialista e deu lugar a un dos debates máis tensos da lexislatura. Defendida pola deputada Concepción Burgo, o PSdeG tentou aprobar unha "lei sobre a localización e identificación das persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista, e a dignificación das foxas comúns". Nunha emotiva intervención, Burgo instou ao PP a preguntarse se "existe algo máis humano e xusto que atopar e enterrar os desaparecidos". O partido que sustenta o Goberno, de novo a través de Baamonde, desbotou a proposta por "maniquea" e situou os socialistas na "Atapuerca da política".

O fomento da corresponsabilidade entre homes e mulleres, pola banda do BNG, o reordenamento dos tributos locais, dende o PSdeG, a eliminicación do canon da auga, proposta polos nacionalistas ou o ordenamento por lei dos montes veciñais e en man común foron outras das propostas que tampouco chegaron a prosperar. Na banda do acordo só estiveron a nova lei dos medios públicos, presentada conxuntamente por PP e PSdeG despois de ser elaborada nun relatorio conxunto -o Bloque desmarcouse-, e a creación do catálogo de medicamentos, única lei impulsada polos populares e secundada polos nacionalistas.

Proposicións de lei ata febreiro de 2012
Grupo Proposición de lei
BNG Organizacións interprofesionais agroalimentarias de Galicia
BNG Ordenación do comercio interior de Galicia
BNG Caixas
BNG Montes de Galicia
BNG Bibliotecas e do patrimonio bibliográfico de Galicia
BNG Uso do galego polas administracións de Galicia e no ensino
BNG Normalización da onomástica de Galicia
PSdeG Publicidade institucional de Galicia
PSdeG Localización dos desaparecidos na Guerra Civil e a ditadura
PP Racionalización do gasto na prestación farmacéutica
BNG Acción voluntaria
BNG Consello Galego das Mulleres
PSdeG Participación das entidades locais nos tributos autonómicos
PSdeG Creación do Instituto Galego de Promoción Económica e Finanzas
BNG Fomento da corresponsabilidade
PSdeG Montes veciñais en man común
BNG Modificación da lei de Augas
PSdeG-BNG Réxime xurídico das concesións na illa de Ons
BNG Servizo público audiovisual e da autoridade audiovisual de Galicia
PP-PSdeG Medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia
BNG Carácter público do transporte marítimo de persoas na ría de Vigo

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.