Tres ríxidos debates para activar o incerto panorama electoral

Feijóo, Vázquez e Jorquera CC-BY-SA Praza Pública

Dezanove anos despois volve á democracia galega o que é normal en moitas outras: os debates electorais. Como na única cita vivida ata o momento nunhas eleccións galegas, a que enfrontou en 1993 a Manuel Fraga e Antolín Sánchez Presedo, a xeira de tres encontros que comeza estes luns na Televisión de Galicia empregará o modelo propio de sistemas presidencialistas, os cara a cara, para confrontar os proxectos das tres forzas con representación parlamentaria na actualidade. Alberto Núñez Feijóo, polo PP, Pachi Vázquez, polo PSdeG e Francisco Jorquera, polo BNG, sentarán de dous en dous ante as cámaras da televisión pública cun reto fundamental: mobilizar un electorado aborrecido en plena crise con boa parte dos dirixentes políticos.

O aspirante á reelección e o cabeza de cartel dos socialistas serán os encargados de inaugurar este luns uns debates que tampouco miran a Europa nin á outra beira do Atlántico á hora de artellar o seu formato. Feijóo e Vázquez, igual que o farán ambos con Jorquera nos vindeiros dous días, conversarán durante unha hora dividida en tres bloques de vinte minutos -economía e emprego, benestar e servizos sociais, e autonomía-, aos que se engadirán cadanseus dous minutos de intervención inicial e un de despedida, nos que, segundo informa a TVG, non existe "posibilidade de interpelación". Así as cousas, a rixidez temática e temporal reducirá á mínima expresión o debate real, deixando polo tanto moi aberta a posibilidade de que os encontros televisivos amosen monólogos paralelos de cada candidato.

A rixidez temática e temporal reducirá á mínima expresión o debate real

O pactado por populares, socialistas e nacionalistas leva tamén ao mílimetro as cuestións de intendencia. Cada debate comeza ás 21:30 horas e, unha hora e cuarto antes, os contendentes chegan á sede da televisión pública "por separado e por orde decrecente, en función dos votos obtidos" en 2009. Ás 20:25 posan para a prensa gráfica e diríxense a dous camerinos en compaña "de ata dous asesores", un dos cales pode acceder ao estudio no que se desenvolverá o debate. Alí poderá haber ata dez convidados por partido, en ningún caso cidadáns e cidadáns que procurasen asistir en directo.

Con estas condicións de partida e cunha temperatura de 21 graos -tamén pactada polos equipos de cada partido- a xornalista Marga Pazos terá o labor de conducir un espazo televisivo no que Pachi Vázquez agarda ter a "oportunidade" para falar "da Galicia que queremos", que é tanto como dicir "da vida das persoas", explica. Agarda o socialista que o debate "me permita dicirlle á xente o que quero para Galicia", algo que fará con "absoluta tranquilidade". No cuartel xeral do PSdeG concédeselle especial importancia a unha confrontación dialéctica que Feijóo aborda lanzando o primeiro dardo cara a Vázquez. No debate, di, observarase cal é a "alternativa a un goberno estable", o seu. "Sería bo que [Pachi Vázquez] nos puidese contar exactamente o que vai facer" con "cinco partidos", di.

Imaxe promocional do primeiro debate © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.