O BNG retruca a Feijóo: "as coalicións son o máis normal nos países democráticos"

Vázquez, durante o almorzo informativo en Vilagarcía CC-BY-SA BNG

A abrupta saída da Xunta á que se tivo que enfrontar o goberno bipartito provocou, nos tempos inmediatamente posteriores á derrota, un certo distanciamento entre os que foran socios no Executivo. Ao longo de boa parte do mandato de Alberto Núñez Feijóo PSdeG e BNG desbotaron a posibilidade de realizaren xestos públicos que suxerisen a posibilidade dun entendemento futuro no ámbito autonómico, aínda que ambas formacións políticas continuaban a gobernar conxuntamente sen grandes sobresaltos en diversas institucións no ámbito local. Esta tendencia mudou nos últimos tempos e esvaeu definitivamente coa convocatoria das eleccións do 21 de outubro, cita electoral ante a que nin PSdeG nin BNG desbotan a posibilidade de acordos, tampouco en público.

Quen inauguron esta mudanza no discurso foi o secretario xeral e candidato socialista, Pachi Vázquez, que dende hai meses vén manifestado a súa disposición á avinza co Bloque e que, nas últimas semanas, expresa que un "goberno de progreso" é a vía para o cambio político no país. Tamén o candidato nacionalista, Francisco Jorquera, subliñaba en días pasados que "se do BNG depende, o PP non vai gobernar", sempre e cando o acordo se produza sobre un programa de "cambio profundo". Na mesma liña afondou este mércores o portavoz nacional dos frontistas, Guillerme Vázquez, que nun almorzo informativo en Vilagarcía retrucou ás proclamas de Alberto Núñez Feijóo sobre os supostos riscos dun goberno con máis dunha cor política.

Guillerme Vázquez anima os populares a "integrarse na normalidade democrática"

O aspirante á reelección polo PP debe, ao seu xuízo, debe comezar por "integrarse na normalidade democrática, porque os gobernos de coalición son o máis común en todos os países democráticos", explica o líder nacionalista, quen engade que "se o PP perde a maioría" a posición do BNG será a de propiciar a conformación dun "goberno que faga políticas diferentes". O Bloque participaría nese eventual Executivo se está "comprometido co avance do autogoberno de Galiza, con facerlles fronte aos salvaxes recortes do Goberno de Rajoy", se "apoia os sectores produtivos para saír da crise" e se "apoia os intereses das clases populares", dende os "estafados polas preferentes" ata "os dereitos dos traballadores e traballadoras". Onde "non estará" o BNG, advirte, é "nun goberno modelo andaluz no que se aceptan os recortes por imperativo legal".

Neste contexto, e botando man das enquisas preelectorais coñecidas nos últimos días, Vázquez ve perfectamente "posíbel" que o PP non logre reeditar a súa maioría absoluta. "As eleccións do 21 de outubro estań abertas" e, polo tanto, "é posíbel derrotar a Feijóo", iso "sabémolo nós e sábeno eles", salienta. A clave para que isto aconteza, ao seu xuízo, é o "ascenso do BNG".

Vázquez, durante o almorzo informativo en Vilagarcía CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.