A Xunta incumpre a Lei Electoral por oitava vez

A conselleira Rocío Mosquera, nunha visita a un hospital © Xunta

Oitava sanción á Xunta, que segue recibindo advertencias polo uso do Goberno de xeito partidista en plena campaña electoral. Desta volta, a Xunta Electoral de Galicia vén de considerar ilegal a visita da conselleira de Sanidade ás obras do Hospital de Vigo, tal e como desvelou o secretario de Organización do PSdeG, Pablo García.

Pero pouco parecen importarlle ao Executivo galego as advertencias da Xunta Electoral. Esta é a oitava infracción que comete a Xunta en pouco máis dun mes. Concretamente, desde que o 27 de agosto foran convocadas as eleccións, Xunta Electoral Central xa ordenara retirar a polémica información sobre a sinatura do acordo con Pemex para a construción de dous buques hoteis en estaleiros galegos, tamén tivo que eliminar da web oficial unha noticia na que se vertían acusacións contra o alcalde de Lugo, unha campaña de Benestar sobre o Decálogo de dereitos das persoas maiores, así como a campaña de publicidade Paisaxe galega, unha tarefa de todos, a visita do conselleiro Jesús Vázquez a un colexio ou o acto de presentación dos novos axentes da Policía Autonómica.

A Xunta Electoral pide ao Goberno que "se absteña de realizar actos prohibidos" e "non interfira" na campaña

Neste último caso, a visita institucional ao Hospital de Vigo, foi novo cuestionada pola Xunta Electoral a instancias dunha denuncia do PSdeG, que leva cinco. Por todo isto, Pablo García esíxelle a Feijóo e aos membros do goberno galego que cumpran co requirimento e “se absteñan de realizar actos prohibidos” pola Lei de Eleccións, tal e como reza a resolución, que solicita tamén "que non se interfira no normal desenvolvemento da campaña". O responsable socialista lémbralle ao candidato do PP que “ten a obriga e a responsabilidade de cumprir coa legalidade” e critica a “estratexia artellada polo PP para utilizar o Goberno galego en función dos seus intereses electorais”.

O PSdeG pide a dimisión de Rueda “para evitar sospeitas sobre o uso partidista dos medios da administración pública galega”

A resolución feita pública este luns pola Xunta Electoral é para os socialistas unha confirmación de que "a estratexia da Xunta supón un ataque contra o xogo limpo”. Ademais, Pablo García sinala que as advertencias “serias e contundentes” do órgano electoral deberían “mover a reflexión” ao candidato do PP e ao seu responsable de campaña, que ademais é o conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia. Reitera que Alfonso Rueda debera dimitir “para evitar sospeitas sobre o uso partidista dos medios da administración pública galega”.

A conselleira Rocío Mosquera, nunha visita a un hospital © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.