Feijóo centra no PSOE o debate con Jorquera, que garante un "cambio real"

Feijóo e Jorquera, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

E á terceira, houbo debate. Despois de que os dous primeiros cara a cara televisivos desta campaña electoral se caracterizasen, entre outros aspectos, pola escasa interacción entre os contendentes -na primeira cita o socialista Pachi Vázquez interpelou a Alberto Núñez Feijóo sen que o popular apenas abandonase o seu guión- desta volta o aspirante á reelección e o cabeza de cartel do BNG, Francisco Jorquera, protagonizaron ante as cámaras da TVG un intercambio de ideas sensiblemente máis vivo que os dous anteriores. Na contenda, así e todo ríxida polas normas autoimpostas polos partidos, Feijóo centrou o seu argumentario nos ausentes, os socialistas, mentres que o candidato nacionalista se esforzou en presentar a súa formación como garante dun "cambio real" no país.

Feijóo aferrouse ás coalicións dende o inicio, no que expuxo as "dúas opcións" de goberno que, ao seu xuízo, ten o electorado: "a dos socialistas cos nacionalistas" ou a do PP "coa maioría de Galicia". Non soltaría xa o conservador este argumento, xa fose para asegurar que as alianzas entre varias forzas políticas equivalen a "duplicar" gastos ou para insistir en que o BNG apoiou varios orzamentos do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Ao tempo, o candidato popular salfería as súas intervencións da "solvencia" de Galicia en áreas como o control do déficit que, asegura, remataría en caso dun cambio de Goberno.

Feijóo describe "dúas opcións" de goberno: "dos socialistas cos nacionalistas" ou "do PP coa maioría de Galicia"

"Hai que ser un pouquiño máis humilde", recomendou Jorquera, seguro de que Feijóo "describe un país que non é o mesmo no que eu vivo".  "Solvencia é preocuparse dos máis desfavorecidos", acrecenta o nacionalista, quen sinala ademais que o PP tampouco "pode presumir" do control das contas públicas, en referencia ao informe do Consello de Contas adiantado polo diario El País no que fica reflectido que foron "trasladados" 400 millóns de euros en facturas do ano 2010 ao 2011. "Non hai ningún informe, non se deixe enganar", insistiu o actual presidente, que reduce o documento instruído polo ex conselleiro de Fraga José Antonio Orza a un "anteproxecto".

Mentres en Twitter membros das Novas Xeracións do PP subían o ton dos descualificativos contra Jorquera, con apelativos como "mozo de Pachi" ou "deputado barato", Feijóo volvía ás coalicións, preguntándose se o BNG estaría "disposto a gobernar co señor Beiras" ou "con Compromiso". "Vostede tenta demonizar unha fórmula de Goberno que existe en toda Europa", subliña Jorquera, amosándose ademais seguro de que, se o PP perde a maioría e "lle dan as contas, vai pactar co señor Mario Conde". Mentres, subliña, o BNG "vai supeditar calquera acordo" a un "cambio profundo" que evite, por exemplo, os recortes sociais, di. Do mesmo xeito, o nacionalista tentou contrarrestar as críticas aos acordos do Bloque co PSdeG subliñando os pactos dos populares co PSOE para, por exemplo, "privatizar" as caixas de aforro.

Jorquera, convencido de que "se lle dan as contas", Feijóo "pactará con Mario Conde"

As referencias ao pasado dunha e doutra formación -Feijóo insistiu en desligarse, por exemplo, da xestión do Prestige lembrando que daquela presidía Correos e "so meus compañeiros eran os carteiros"- foron outras das constantes dun debate que o candidato nacionalista rematou como comezou, apelando ao cambio de rumbo para facerlle fronte ao paro. Cun chisco menos de tensión que no inicio, Jorquera apostou por "desenvolver as inmensas capacidades" de Galicia "para crear emprego" e "protexer os servizos públicos". Se goberna, promete, será "un presidente humilde, que non minta". "Boas noites, good night, señor Feijóo", ironizou. Pola súa banda, Feijóo despediuse dos "veciños" de Galicia propoñéndolles "unha coalición con principios" cos "galegos e galegas". Remataron os debates e a moderadora dos encontros, a xornalista Marga Pazos, fixo votos por que estes encontros deixasen de ser a excepción.

Os candidatos, coa moderadora e o director da CRTVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.