Pachi Vázquez advirte de que “indignarse" co PP "non chega, un país cámbiase votando”

Vázquez, durante o mitin de Monforte CC-BY-NC-SA PSdeG

“Enfadarse non chega”. A piques de cumprirse unha semana de campaña electoral o candidato socialista á Xunta, Pachi Vázquez, pisa o acelerador de cara ás urnas. Tras varios días nas que, ao arrecendo dos debates televisivos, a campaña semellou anestesiada, Vázquez retornou á estrada para ofrecer un mitin en Monforte dende o que desmentir os inquéritos que asentan a maioría absoluta do PP. O cambio “é posible” porque “estamos analizando as enquisas de cada día, e cada día sumamos máis”. Pero para que isto aconteza, evidencia, non abonda con “estar desgustado” co goberno de Alberto Núñez Feijóo. “Se non se vai ás urnas” esa actitude “non serve máis que para sufrir”, di.

Ante unhas 400 persoas que encheron o aforo preparado polos socialistas na capital de Lemos Pachi Vázquez presentoulles aos seus a súa carta de intencións. “Eu quero o voso voto para ser presidente”, pero non para “coller un avión e ir a tertulias a Madrid”, senón para “ser o presidente da xente que non dá chegado a fin de mes, da que está no paro e non lle queda ningunha esperanza”. Pero “un país non se cambia chorando”, subliña, “cámbiase votando”.

"Todos os votos valen, pero non todos os votos suman" para desaloxar o PP da Xunta, advirte Vázquez

Os socialistas, din, están a “poñerse de pé” para “dicirlle á xente: eu quero cambiar este país” e, neste contexto, convida aos seus simpatizantes a espallar varias preguntas. “Os da sanidade esan enfadados? A votar! Os do naval non están conformes con enganos como os de Pemex? A votar! As persoas discapacitadas ven que lles recortan os servizos? A votar”, exhorta. Pachi Vázquez non dubida de que “se todos os que estamos indignados” coa xestión do PP “unimos as nosas forzas non vai haber unha milagre” pero “empezará un futuro distinto”, cunha saída da crise que “levará traballo” pero na que “lles imos cobrar aos que teñen”. “Eu -proclama- non lles debo nada aos bancos nin ás grandes empresas”.

Pero, por que votarlle ao PSdeG e non a outras forzas? “Non pode quedar fóra un só voto que queira cambiar este goberno” e, neste contexto “todos os votos valen, pero non todos suman”. “Hai que votarlles aos partidos que van pilotar o cambio”, anima o candidato, porque “non se pode perder un só voto contra a dereita”, explica nunha circunscrición na que as novas forzas políticas teñen especialmente complicado acadar representación no Hórreo. “A única garantía, o único partido que lle vai facer fronte á dereita chámase PSdeG”, conclúe.

Vázquez, con Besteiro e Concepción Burgo, en Monforte CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.