Alternativa colle forzas co apoio das 'Syrizas' europeas

Beiras, nun mitin de AGE © AGE

A Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) colleu folgos este venres co apoio explícito para a súa candidatura amosado pola Syriza grega e a Front de Gauche, así como do eurodeputado de IU, Willy Meyer, nun concorrido mitin na Coruña onde todos os intervintes reivindicaron a coalición liderada por Beiras e Yolanda Díaz como a verdadeira opción da esquerda alternativa para loitar "contra a troika de Feijóo e Mariano Rajoy" e contra "o Atila" que representan os gobernos do PP.

AGE sumou apoios nun acto celebrado nun ateigado Pazo da Ópera no que as butacas quedaron escasas e no que cobrou protagonismo Starvos Karagkounis, líder de Syriza en Europa, que advertiu de que "mentres en Europa o cambio vai chegar do sur", en España sucederá "ao revés". "O cambio comezará no norte en España, primeiro en Galicia e no País Vasco e logo en Catalunya", asegurou nunha frase que repetiu primeiro en rolda de prensa e logo na intervención pública.

"O cambio en Europa virá do sur, pero en España chegará do norte, de Galicia, Euskadi e Catalunya", dixo o líder de Syriza

"O voto en Galicia terá impacto na vida do meu fillo de catro anos;  se os galegos rexeitan o memorando, esta mensaxe chegará a outras partes porque estamos loitando para ter unha mellor expectativa de futuro e por un cambio en Europa", engadiu Karagkounis, que expuxo un panorama idéntico ao actual en Grecia no caso de que Rajoy e Feijóo sigan as políticas marcadas pola UE e Merkel e acepten as súas receitas e o rescate. "O presidente da Xunta fala de 'ou eu ou o caos' e creo que o caos sería incluso mellor que manter as receitas de Feijóo", asegurou o representante da coalición grega, que fixo un repaso pola situación que se vive no seu país e que cre que chegará a España se todo segue polo mesmo rego.

"O voto en Galicia terá impacto na vida do meu fillo;  se os galegos rexeitan o memorando, esta mensaxe chegará a outros pobos"

"Os hospitais non funcionan ben, os enfermos teñen que pagar para concertar unha cita no hospital; a maioría das universidades están ao bordo do peche, as administracións autonómicas e municipais non funcionan, os empregados non cobran, non hai recursos para programas de asistencia social, o índice de paro alcanzo ou 26% e a recesión chega ao 4,6%... Creo que o caos sería incluso mellor que o que ofrecen Feijóo e Rajoy", advertiu, tras asegurar que "a esquerda en Galicia parará estas políticas" e pedir o voto para AGE. "É a hora de votar como persoas e non como hinchas de fútbol; é a hora da esquerda, da xente que está na rúa", insistiu.

No mesmo acto, José Cordón, representante do Front de Gauche francés, destacou a "importancia" das eleccións galegas pola posibilidade de "determinar unha correlación de forzas máis importante para contar cunha alternativa real". Ademais, situou os comicios no país como un paso máis na necesidade de "levantar frontes populares e movementos cidadáns". "Porque hai que paralos!", dixo en alusión ao lema de AGE, á que desexou que "entre con moita forza na nova Cámara galega".

Ademais, Willy Meyer, europarlamentario de IU, recordou que nas eleccións autonómicas do 21 de outubro "non só se decide o destino desta terra", senón que se mandará "unha mensaxe aos pobos de Europa para saber se hai músculo para poder comezar a formar unha alternativa viable para outra UE". Así, advertiu tamén de que a actual política económica no continente "non é froito dun fenómeno meteorolóxico", senón "dun pacto entre a socialdemocracia e a dereita que vén de 1992".

Pola súa banda, a número dous de Alternativa, Yolanda Díaz, amosábase "encantada" de que a súa coalición "recibise nos medios o nome da Syriza galega". "Porque ese nome fai tremer aos poderosos, porque ante a combinación da mirada aguerrida de Beiras e esta denominación... Como non nos van ter medo!", asegurou a líder de EU ante un público entregado.

"Xa non están tan confiados porque teñen que enfrontarse á resposta social, a unha marea de indignación que se converte en marea política", advirte Díaz

"Sabemos que algo vello está morrendo e que algo novo está intentando nacer. Pelexaremos no ring até que soe a campá. A democracia é quitarlle o poder aos de arriba e entregarllelo aos de abaixo", repetiu Díaz, que lembrou que o PP "limita o déficit e recorta, que é o mesmo qeu gobernar para unha minoría". "Pero xa non están tan confiados porque teñen que enfrontarse cada día á resposta social, a unha marea de indignación social que se converte en marea política, que é o que quere ser Alternativa Galega de Esquerdas", engadiu.

O acto foi pechado por Xosé Manuel Beiras, o máis aclamado dos líderes, que volveu reivindicar o momento de "fin de ciclo histórico e de réxime" e que apelou á colaboración "internacionalista" entre os pobos de Europa para afrontar "o combate contra o sistema económico actual". Para o número un de AGE, o feito de que a súa coalición non fose convidada aos debates electorais é unha proba de que "os partidos do oligopolio" lles teñen "medo".

"Atila está a piques de entrar aquí, onde arrasa os labregos, a clase obreira e a nosa industria cultural", asegurou Beiras

Ademais, comparou a Feijóo e á dereita "con Atila" tras facer referencia á Fronte Popular na que Castelao integrou o Partido Galeguista para loitar contra aquelas forzas reaccionarios que acabou representando a histórica figura no seu mítico álbum. "Hoxe Atila está a piques de entrar aquí e está arrasando o campesiñado e os labregos, a clase obreira industrial ou a nosa identidade cultural", advertiu Beiras, que volveu insistir "no medo" que a dereita e os partidos tradicionais teñen á entrada de Yolanda Díaz no Parlamento.

"Temos moito que aprender do Front de Gauche, de Syriza, da unión da esquerda abertzale, do Bloco de Esquerdas ou da esquerda rupturista en Catalunya, o que pon de manifesto que estamos acertando no vieiro que conduce a acumularmos forzas para derrubar o réxime", rematou Beiras, que volveu defender con énfase a coalición formada por Alternativa e que fixo referencia a quen alude aos teóricos "paracaidistas españois" que chegan á campaña galega. "Pero se eses paracaidistas témolos metidos no Parlamento; gobernaron 25 anos a nosa terra e agora din que van transformar Galiza... E que fixeron até o de agora?", preguntouse.

Satisfacción pola Alianza Social

En canto ao nacemento da Alianza Social galega, que agrupa os tres principais sindicatos e até 60 organizacións sociais, Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras amosaron en rolda de prensa a súa "satisfacción" por unha noticia que cualificaron "das mellores que recibimos nos últimos tempos".

"Esa unidade é neecesaria para os sindicatos e os colectivos sociais e cremos que esta Alternativa Galega de Esquerdas tamén serviu de estímulo", asegurou Yolanda Díaz. Para Beiras, este paso supón "unha mutación na maneira de actuar e na actitude das organizacións de clase" que comeza a rematar "cun evidentemente distanciamente que existía entre a rede social e os aparellos de clase".

Karagkounis (Syriza) , Beiras, Yolanda Díaz, Willy Meyer e Cordón (Front de Gauche) © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.