Pachi Vázquez confía nun "gran acordo" co BNG "para sacar adiante o país"

Vázquez, nun mitin en Ourense este martes CC-BY-NC-SA PSdeG

As eleccións están próximas e o escenario preelectoral, tamén. Ao contrario do que viña acontecendo en anteriores convocatorias electorais, nas que tanto socialistas como nacionalistas aseguraban, cando menos en público, que a súa aspiración de cara ás urnas era lograr gobernos en solitario, desta volta ambas formacións abren a porta máis ou menos explicitamente a unha coalición no caso de que o PP perda a maioría absoluta. A expresión máis clara desta vontade no que vai de campaña foi a lanzada este mércores polo candidato do PSdeG, Pachi Vázquez, quen xa vén apostando por un "goberno de progreso" dende hai semanas pero que agora augura abertamente un "gran acordo para sacar adiante este país".

Vázquez asegura que "cando falen as persoas" nas urnas haberá pacto "pensando no que imos facer para a xente, non nos partidos"

Durante unha entrevista na Cadena SER o líder socialista amosouse convencido de que o electorado non vai avaliar nestas eleccións o que xa avaliou nas anteriores, o labor do bipartito, senón que vai "analizar os catro anos dun Goberno que enganou a todo o mundo", cun Feijóo que "incumpriu todo o que dixo". Ata "o famoso déficit, era todo mentira", critica. Neste contexto, di, PSdeG e Bloque farán valer o seu historial de entendemento "cando falen as persoas" cos seus votos, e farano "non pensando tanto nos partidos que compoñan esa formación", senón "no que imos facer para a xente". "Levamos renovando maiorías cos nacionalistas moitos anos en Vigo, en Lugo, en Ourense e en Pontevedra", lembra, como proba de que a coalición será posible na Xunta.

Pero, o PP perderá a maioría absoluta? Vázquez considérao moi posible a causa da "moita desafección co PP" que está a detectar e que non deixa de aumentar porque, reprocha, "vaise rescatar os sistema financeiro a costa das pensións" e vaise "cumprir co déficit a costa das familias". "Quero ser o presidente que lle dea a volta ás cousas e pare esta tolería", a comezar por "cobrarlles máis aos que máis teñen" por vías xa comprometidas polos socialistas como "establecer impostos á banca, aumentar o tramo autonómico do IRPF ás rendas altas" e aplicarlles "impostos ás empresas máis contaminantes". "Hai outro xeito de facer política, hai que corrixir a saída da crise", insiste.

Vázquez, durante a entrevista © Cadena SER

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.