Feijóo pega as axendas do PP e da Xunta na fin da campaña

Feijóo, con Alfonso Rueda © PPdeG

Unha visita a unha sede dunha asociación que atende a persoas afectadas pola parálise cerebral. Un encontro cos directivos dunha fábrica de carrozarías de vehículos na sede da empresa. Un percorrido por unha explotación gandeira e un saúdo aos seus propietarios. Son actos que, a priori, encaixan sen dificultade no periplo dun candidato en plena campaña. Estes tres eventos estiveron marcados na axenda de Alberto Núñez Feijóo nos primeiros tres días da derradeira semana da carreira electoral do 21-O, pero non na súa condición de candidato á reelección, senón como presidente do Goberno galego. Despois de que a Xunta Electoral o apercibise a el e a outros membros do seu gabinete ata nunha decena de ocasións por realizar actos "prohibidos" que "infrinxen" a Lei Electoral, o Executivo convocou estes actos só para a prensa gráfica, isto é, fotógrafos e cámaras de televisión -se ben tamén acudiron algúns redactores-. Ademais do protagonista, os tres tiveron outro punto en común: celebráronse nas mesmas cidades nas que, con escasa diferenza horaria, Feijóo protagonizara actos da campaña electoral do PP.

Os actos de Goberno celebráronse nas mesmas cidades que os de partido e cunha diferenza de apenas unha hora

Isto aconteceu por primeira vez o pasado luns, 22 de outubro. Os populares celebraban ás dez e media da mañá un encontro para presentar "contidos do seu programa electoral" en Pontevedra, con Feijóo e Alfonso Rueda como oradores. Ás once e cuarto, xa co traxe de presidente, o actual xefe do Goberno posaba ante os reporteiros gráficos "achegándose -segundo indicou a Xunta-" á sede da asociación Amencer-Aspace, na mesma cidade. Un día máis tarde, o martes 23, o cabeza de cartel do PP reproduciu o mesmo esquema en Ourense: presentación do programa electoral ás dez da mañá, neste caso con Manuel Baltar, e ás 11:30, tal e como anunciara a Xunta, "chegou á fábrica de UNVI", a devandita empresa de carrozarías, e "mantivo unha reunión co equipo directivo". Vinte e catro horas máis tarde, este mércores, o encontro sobre o programa electoral foi en Lugo, de novo ás dez. Ás once, de novo como presidente, "realizou un percorrido" pola "explotación gandeira Granxa Quintián", onde "saudou os propietarios".

Presumir de "facturas pagadas" no derradeiro Consello antes das urnas

A fronteira entre as axendas institucional e partidaria non só se amosa especialmente fraca nestas coincidencias espazo-temporais das visitas, senón que tamén o fará o vindeiro xoves, na derradeira xuntanza do Consello da Xunta antes das eleccións. Mentres medra o rebumbio causado polo informe no que o Consello de Contas advirte dun "desprazamento" de 400 millóns de euros en facturas do exercicio de 2010 a 2011 -é un proxecto ao que lle resta recibir as alegacións do Goberno- Feijóo aproveitou o acto celebrado en Lugo sobre o seu programa electoral para avanzar o que acontecerá nesa reunión semanal do Executivo, a última antes de entrar en funcións. Tras ese Consello, avanza, explicaralle á prensa os "datos do pagamento de facturas" para demostras que Galicia é a comunidade máis solvente de España" e "paga o que debe".

Pachi Vázquez augura que as contas de 2011 terán un desvío de 600 millóns

A través dese informe da Consellería de Facenda, asegura, "quedará claro" que, aínda que "se rexistran tensións de tesouraría, Galicia paga e ten as contas ordenadas". Por exemplo, asegura, "as farmacias cobran nos cinco primeiros días de cada mes". Non concorda con esta versión o candidato do PSdeG, Pachi Vázquez, que non só dá total crédito ao informe do Consello de Contas, senón que ademais, anticipa, en 2011 a desviación "pode superar os 600 millóns". "Díxenllo cen veces no Parlamento, que non cadraban as contas, pero agora xa non llo digo só eu". "O problema -afirma o socialista- non son os datos que saen" no informe, instruído polo ex conselleiro de Manuel Fraga José Antonio Orza, "senón o silencio de Feijóo, que non o desmente".

Feijóo, con Alfonso Rueda © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.