Jorquera comprométese a reverter os recortes no orzamento da RAG

Jorquera e cargos do BNG, no encontro coa RAG CC-BY-NC-SA BNG

Unha "asignación total e absolutamente ridícula" que "non busca outra cousa que provocar o esmorecemento dunha institución básica para Galiza". É o que, para o candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, supón a achega do Goberno de Alberto Núñez Feijóo á Real Academia Galega, un orzamento que pasou de 450.000 euros en 2011 a algo máis de 280.000 en 2012, dándose a circunstancia de que o Estado lle inxecta máis recursos -un millón de euros o pasado ano e 700.000 este- que as autoridades autonómicas. Tras reunirse cunha delegación da RAG encabezada polo seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, o cabeza de cartel do Bloque asumiu este mércores o compromiso de reverter esta "política de brutais recortes".

En opinión do nacionalista esta tesoirada non é máis que unha nova mostra da política lingüística do PP, radicalmente oposta á do Bloque, di. Así, mentres que para a formación frontista "o galego é o primeiro" os conservadores, ironizan, apostan pola máxima de "first, English", deixando de lado o idioma propio do país. Neste sentido, ademais do propio apoio económico e infraestrutural á RAG Jorquera asegura que, a partir do 21 de outubro, "cando se produza o cambio real" en Galicia, o BNG impulsará unha política de normalización lingüística "merecente de tal nome" encamiñada á "igualdade real entre galego e castelán".

"Para o BNG o galego é o primeiro, para o PP, 'first, English", di Jorquera

"Para un país ter unha lingua e cultura propias" non é, en opinión de Jorquera, unicamente unha cuestión identitaria, senón tamén "un elemento imprescindible para facer posíbel o progreso social e o desenvolvemento económico". "En todos os países avanzados a cultura ten un peso importante na súa economía e é un factor de creación de riqueza e de emprego", acrecenta. Malia este "potencial", censura, Feijóo "empezou a lexislatura cun decreto que atacaba o galego" e que tivo como "consecuencia" que "no ensino infantil das cidades só estea escolarizado en galego o 3% do alumnado".

"O rumbo ten que ser outro", subliña o candidato nacionalista e por iso, asegura, o BNG freará "os continuos recortes no apoio á creación e á industria cultural galega", cos que o PP, acusa, "buscou convertela en algo marxinal". "O BNG comprométese a converter en estratéxico o apoio e potenciación do idioma e da cultura propios", conclúe.

Jorquera e cargos do BNG, no encontro coa RAG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.