Compromiso fai públicos os seus gastos de campaña

Acto electoral de CxG CC-BY-SA CxG

"Practicar internamente a transparencia que reclamamos para as institucións públicas". Deste xeito resume o responsable económico da campaña electoral de Compromiso por Galicia (CxG), Manuel González, os motivos que veñen de levar a formación galeguista a decidir facer públicos os orzamentos cos que afrontaron a primeira campaña electoral da súa breve historia. Cunha previsión de equilibrio de ingresos e gastos, CxG afrontou a carreira do 21-O cunhas contas de 120.000 euros, dos que 36.000 proceden dun préstamo subscrito "cunha entidade financeira galega" e o resto, de "achegas e doazóns", cotas da militancia e venda de lotaría.

Pola banda dos gastos o montante principal é para o "deseño e implementación da campaña", concepto no que se inclúen 50.000 euros de "artes gráficas e merchandising", 5.000 euros para a publicidade en medios de comunicación e 29.500 para "deseño e produción". Aluguer de vehículos, organización de actos, o equipo de campaña e algo máis de 3.000 euros para "imprevistos" completan unhas contas que, afirma González, permiten demostrar que é posible "facer campañas" se investir "barbaridades" nelas. "Eu descoñezo canto están gastando as outras forzas políticas", subliña, pero "temos constancia de que algún acto singular do PP" xa custou "aproximadamente o que nós gastamos en toda a campaña".

A campaña de CxG custa 120.000 euros, dos que 36.000 proceden dun préstamo bancario

Nun contexto no que "a cidadanía está cansa" de boa parte das prácticas políticas, o responsable económico de CxG ve aínda máis necesario este "exercicio de transparencia" o cal, na súa opinión, deber aser "desenvolvido por todos os partidos", que "deberan publicar ou dar contas da previsión dos seus orzamentos de campaña", máis aínda cando "moitos deles financian as súas actividades" cando menos parcialmente "con fondos públicos". Do mesmo xeito, explica, esta publicación permite amosar que "nos financiamos basicamente con achegas de simpatizantes e afiliados e cos cartos que xeramos vía cotas". "Non dependemos de ningún partido de fóra para financiar a nosa campaña", enfatiza.

Ao tempo, González detalla que o feito de non cubrir máis dun "30% dos custos totais" a través dun préstamo permite conservar a independencia a respecto do sector financeiro. "Agora mesmo, todas as grandes forzas políticas teñen créditos moi importantes coas entidades financeiras". Estas formacións, di, non só "se endebedan", senón que establecen outro tipo de "manobras" cos bancos que provocaron que "non cadre o que proclaman co que fan" na súa actividade interna, no que atinxe á xestión económica.

Orzamento de campaña de CxG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.